Nova ruta con Senda Nova para escoitar "O son do Anllóns"
Domingo 23 de abril do 2023 Saída ás 09.15 horas - Rúa Venezuela Participación veciñal
Despois da Ruta do Xestal, a Primavera en Ruta da asociación ambiental Senda Nova continúa cos seus percorridos máis coñecidos, e este domingo 23 é a quenda de O son do Anllóns, un percorrido polas beiras do río bergantiñán que levará ás persoas participantes por terras dos concellos de Carballo, Coristanco e Cabana.
A saída dende Carballo realizarase ás 09.15 horas. O punto de encontro será a rúa Venezuela. As inscricións poden realizarse ata o venres na base de Protección Civil (edificio do ambulatorio vello, 2º andar), de 09.30 a 13.30 horas.
Unha das características das rutas organizadas pola asociación ambiental Senda Nova é o aspecto interpretativo, intentando fomentar o compromiso coa contorna e o respecto polos lugares de especial sensibilidade ambiental. Deste xeito, os grupos teñen limitado o número de participantes, e no desenvolvemento das rutas téñense en conta as singularidades ambientais dos lugares de paso.
TEN EN CONTA
- As actividades teñen de duración mañá e tarde. A organización facilita bocadillos a todas as persoas participantes para converter o almorzo tamén nunha experiencia colectiva.
- A saída dende Carballo realízase ás 09.15 horas dende a rúa Venezuela. Prégase puntualidade.
- O transporte tamén corre a cargo da organización.
- As rutas son interpretativas, con paradas para coñecer mellor a contorna.
- As persoas participantes deben levar calzado e roupa axeitados, mochila, impermeable, navalla, gorra e protección solar.