"Canta, buguina, canta", un espectáculo para bebés de 0 a 3 anos
Mércores 3 de abril do 2024 17.00 e 18.30 horas - Antigas escolas do xardín Lingua
Soprando a nosa buguina, comezaremos a viaxe polo mar. Visitaremos illas onde viven caracois, galiñas poñedoras e vacas. Regaremos a herba. Xogaremos coa marea que sobe e baixa. Cantaremos cancións sobre a lúa e faremos barcos de papel para continuar viaxando lonxe. Brincamos coa imaxinación recreando animais con obxectos, barcos e illas de papel, un mar de tea ao son da música e as palabras.
Canta, buguina, canta! é un espectáculo para primeira infancia que ten como obxectivo xogar coa palabra e a poesía, coas cancións e contos, cos xogos visuais e sonoros que serán o berce da literatura.
As familias interesadas poden reservar praza, de balde, enviando un correo electrónico cos seus datos a snl@carballo.gal.
Marta Ortiz fundou con Brais das Hortas a compañía Tropa de Trapo, coa que realizou ata o momento once espectáculos con música en directo, teatro infantil, debate en escena e obradoiros educativos. Tamén realiza espectáculos de narración oral en solitario ou con outras artistas. Socia fundadora de Charlatana Cooperativa de Artistas, un novo espazo galego de creación, produción e distribución propia que integra diversas disciplinas artísticas: circo, música, teatro infantil e narración oral. Dende o 2018 forma parte de AEDA (Asociación de Profesionales de la Narración Oral en España). Tamén forma parte de NOGA (Colectivo de Narración Oral Galega).