Homenaxe a Alfredo Brañas no 125º aniversario do seu pasamento
Venres 21 de febreiro do 2025 12.00 horas - Rúa Coruña Lingua

Alfredo Brañas descansa no Panteón de Galegos Ilustres, fronte a Rosalía de Castro e a carón de Castelao. Este 21 de febreiro conmemórase o 125º aniversario do seu pasamento na capital compostelá, pero na vila que o viu nacer queremos lembralo cun acto que unirá a comunidade educativa do instituto que leva o seu nome, a Asociación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo.
A homenaxe a Alfredo Brañas celebrarase o mesmo día 21, ás 12.00 horas, ao pé da casa onde naceu na rúa Coruña, xunto á obra do escultor César Lombera, finado o mes pasado. O acto comezará cunha intervención do historiador e profesor Xan Fraga, autor do folleto que acompaña esta nova. De seguido haberá un recital poético a cargo de alumnas e alumnos do instituto, e pechará o acto o alcalde, Evencio Ferrero.