VI Coñece o teu concello
Sábado 9 de abril do 2016 Deporte
Volven coa primavera as rutas do Club Ciclista Carballo, que propón a celebración dunha serie de saídas en bicicleta como xeito de promoción do ciclismo e dunha vida saudable. As rutas están dirixidas a persoas maiores de 10 anos e están deseñadas para que podan realizalas persoas con distinta preparación física, en compañía de familia e amigos. Estas rutas non só promoven o uso da bicicleta como medio de transporte, senón que dan a coñecer o patrimonio natural, histórico ou artístico de Carballo. Por iso no momento de deseñalas téñense en conta aquelas zonas do concello con algún valor paisaxístico ou histórico. As rutas caracterízanse por ter unha duración aproximada de dúas horas e serán os sábados 2 9 e 16 de abril con saídas previstas a partir das 16.30 horas na Praza do Concello. A concentración dos ciclistas efectúase media hora antes da saída co fin de verificar o bo estado dos vehículos. Ademais aprovéitase ese momento para a entrega de información da ruta a realizar, sendo posible facer unha explicación do percorrido e dos bens naturais e históricos que se van visitar. Durante a ruta, os membros do Club Ciclista son os encargados de encabezar a marcha e marcar un ritmo que todos os ciclistas podan manter; ademais encárganse de velar polo cumprimento das normas de tráfico e de axudar ós participantes. Durante o percorrido realizaranse paradas para ofrecer unha explicación dos bens visitados.
As saídas serán de dous tipos: por estradas e por pistas sen asfaltar, camiños, etc. Calquera das rutas nacen con vocación de permanencia, para que se poidan realizar non só nas saídas programadas, senón en calquera outro momento. Cada unha delas conta con trípticos e carteis impresos que ilustran o percorrido cun plano que inclúe a ruta e información detallada dos bens naturais e histórico-artísticos que se visitan. A organización recomenda o uso do casco e tamén levar roupa de abrigo se o día non é soleado, así como auga e accesorios para reparar unha picada (cámara e bomba de aire). Cada ruta adoita contar cunha participación media de 50 persoas. En canto ás catro rutas que conforman esta nova edición de "Coñece o teu Concello", aínda que cada ano adoitan ser catro, este año téñense reducido a tres debido ao calendario de competicións do Club Ciclista Carballo:
- RUTA 1: Sisamo, Goiáns, Cances, Oza. Sábado 2 de Abril. Lonxitude: 19 quilómetros. Dificultade baixa. Partindo da Praza do Concello sáese en dirección Sísamo, alí pódese visitar o Pazo do Souto, O castro de Sisamo, a igrexa parroquial e atopamos tamén unha serie de vivendas e hórreos con interese histórico. Dende alí continúase cara a Ramil para chegar a Goiáns, onde os ciclistas poden ver a igrexa parroquial, o cruceiro e outros bens etnográficos. Dende alí vóltase cara o lugar de Piñeiro, que alberga un fermoso cruceiro, dita estrada leva a San Martiño de Cances, onde se visita a igrexa parroquial e o cruceiro. Lovo vaise a Cances Grande, con exemplos de construcións típicas galegas, o cruceiro e o castro que alí se ubican. Xírase logo cara Oza, onde se atopa a parroquial e un interesante peto de ánimas. Durante a ruta pásase preto de outros bens coma os hórreos que hai en O Rodo, o castro de Oza, etc.
- RUTA 2: Artes, Sofán, Berdillo, Bértoa. Sábado 9 de Abril. Lonxitude: 19,5 quilómetros. Dificultade media. A ruta parte da Praza do Concello e diríxese a Artes pola estrada que leva a Ordes, en Artes tómase o desvío a Vilardefrancos, de camiño ao Pazo vese a parroquial de Artes e o Pazo de As Pallas. Ao final da estrada chégase ao devandito Pazo de Vilardefrancos, uns dos monumentos máis senlleiros do Concello. Dende alí xírase cara a Pontenova para chegar de novo á estrada de Ordes. Tras cruzar dita estrada vaise cara a Sofán, para visitar a parroquial, o cruceiro e o castro. Vóltase novamente á estrada de Ordes, ata coller o desvío cara Berdillo. En dita parroquia visítase a igrexa parroquial e os cruceiros. Dende Berdillo báixase ata Bértoa para ver a igrexa e o cruceiro e vólvese cara a Carballo. Ademais dos monumentos citados, tamén se ve algún hórreo, muíño, pozo, e ponte con valor etnográfico.
- RUTA 3: Ardaña, Rus. Sábado 16 de Abril. Lonxitude: 19 quilómetros. Dificultade baixa. A Rruta discorre en parte por unha ruta de sendeirismo. Sáese da Praza do Concello cara ao Bosque do Añón, circulando en paralelo ao Anllóns ata a Rúa Ameneiros, cruzando cara a Brea e baixando ata Aspaber. Continúase a través da ruta das Férvedas ata o cruce que leva cara a Vivente. Alí continúase de frente, abandonando a Ruta cara a Barreiro, seguendo logo pola pista que pasa por diante da igrexa parroquial de Ardaña e que leva cara Quintáns. Crúzase dito núcleo e tras varios quilómetros enlázase novamente coa Ruta de sendeirismo, que continúa ata Nogareda. Dende alí a ruta transcorre cara a igrexa de Rus, para logo continuar por estrada ata a Férveda de Rus. O regreso realízase polas mesmas pistas do camiño de ida.