Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello presenta a Brigada de Medio ambiente

LIMPEZA VIARIA

O Concello presenta a Brigada de Medio ambiente

Martes 13 de setembro do 2005

O concelleiro de Medio ambiente quixo destacar a importancia das tarefas desta brigada. "Eles son os encargados de atender en primeira instancia aos veciños en cuestións medioambientais, é unha tarefa moi importante xa que se está a reestruturar a recollida de lixo nos núcleos rurais e teñen moito volume de traballo", explicou.

As funcións da Brigada municipal de Medio ambiente - que se crea dentro da Brigada de obras - consisten en coordinar a limpeza viaria, a recollida de lixo, os verquidos incontrolados, a limpeza de mobiliario urbano, a xestión da canceira municipal, a limpeza das marxes dos ríos, o desbroce de pistas ou a limpeza de predios.

Tamén se informou da campaña de limpeza de predios, para a que o Concello xa recibiu arredor de cen solicitudes. "Iremos actuando nos solares máis próximos ao casco urbano, primeiro, atendendo as zonas segundo a súa densidade de poboación, para despois ir abrindo o perímetro cara a outras zonas", sinalou Manuel Luis Pan.

Compartir: