Inicio Carballo ao día Hemeroteca Francisco Castro continúa o ciclo...

CULTURA

Francisco Castro continúa o ciclo ‘Literactúa’ na Taberna Café O’ Patacón

Mércores 28 de marzo do 2007

Francisco Casto naceu en Vigo en 1966. Na actualidade traballa en xestión cultural e en comunicación. É director, tamén, do Taller Literario Caixanova e do Taller de Poesía Caixanova. No ano 1991 publicou Amor de cinema, ao que lle seguiron Play-Back (Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 1997), os libros de relatos A canción do náufrago (2001), Xeografías (finalista do Premio de Narrativa Erótica Positivas, 2001), a novela histórica Memorial do infortunio (2003), traducida no 2004 ao castelán; a novela Xeración perdida (2004); e o libro para xente moza Un bosque cheo de faias (2004). No ano 1999 recibiu o Premio de Xornalismo Manuel Reimóndez Portela, en 2002 o Premio Facho de poesía e en 2005 o Premio Rosa Reboredo de Narrativa da Asociación Cultural Galega de Cornellá, polo relato "Venres desesperado (look casual friday)" e o Premio Modesto R. Figueiredo de narracións breves polo traballo "Ningún fascista morreu inxustamente". A súa novela Spam recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de Novela.

Spam introdúcenos na atmosfera claustrofóbica e atafegante de dous universos paralelos: o mundo laboral sometido á tiranía dun poder omnímodo e o universo aparentemente aberto de Internet, onde realidade e ficción se confunden. Crítica social e ruptura coa ortodoxia narrativa nunha novela na que a literatura toma partido.

Compartir: