Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Pazo da Cultura acollerá a...

CULTURA

O Pazo da Cultura acollerá a celebración dunhas xornadas sobre os balnearios

Luns 9 de abril do 2007

As Xornadas abriranse o venres día 13 ás 17,00 horas, coa celebración de tres charlas que se prolongarán até ás 21,00 horas. O catedrático de Historia Antiga na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, Fernando Acuña, falará so mundo termal prerromano. A segunda das ponentes, a doutura en Historia pola Universidade de Santiago, Silvia González, fará o propio sobre os balnearios romanos en Galicia. O director xeral de Turismo e profesor titular de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, Rubén Cela, pechará a primeira xornada cunha conferencia referente ao aspecto económico e turístico dos balnearios. O sábado día 14 celebrarase unha nova xornada, de 10,00 a 14 horas pola mañán e de 16,30 a 18,30 horas pola tarde. Tres serán tamén as ponencias a ofrecer, a cargo do escritor e profesor carballés Xan Fraga, que falará dos balnearios en Carballo, o novelista e profesor Xosé Miranda, que ofrecerá a súa visión das fontes e manantiais na mitoloxía galega, e o doutor e xefe do Servizo de Reumatoloxía no Hospital Juan Canalejo da Coruña, Fausto Galdo, que falará da Balneoterapia. As xornadas rematarán cunha visita ao Hotel Balneario Baños Vellos, onde os participantes nas mesmas poderán tomar os baños gratuitamente. O escritor Xan Fraga resaltou na presentación das xornadas que estas perseguen o obxectivo de "facer unha panorámica do mundo termal a través das vertentes histórica, económica, cultural, do turismo e saúde". O presidente da ASPG, Xoán Costa, engadiu que "as xornadas servirán para indagar no pasado e recuperar a memoria histórica, unha motivación para coñecer o presente e planificar o futuro". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pechou o acto significando que "os balnearios para Carballo teñen moítisima importancia e estas xornadas permitirán poner en valor un feito tan importante coma este, e que tamén nos axudará a reflexionar". Os interesados en participar das xonradas poden anotarse na ASPG, rúa Laracha 9, baixo, A Coruña, no teléfono 981278259 ou no enderezo electrónico informacion@as-pg.com.

Compartir: