Inicio Carballo ao día Hemeroteca O medo será o eixo central da Semana do...

CULTURA

O medo será o eixo central da Semana do Libro e a Lectura de Carballo

Martes 17 de abril do 2007

Os obradoiros para nenos e nenas serán de creación literaria con Antón Cortizas, ilustración con Alfredo López, Miguelanxo Prado e José Tomás, contos de medo con Inés Cuadrado, teatro e expresión corporal con Nekane Fernández, plástica creativa a partir dos contos con OQO, monicreques con Galitoon, expresión oral con Celso Fernández, contacontos con Anxo Moure e banda deseñada con Kiko da Silva. As actividades abertas ao público terán lugar de luns a venres a partir das 18,00 horas, , con música, contos e danza, nas que participarán, entre outros, Benxamín Míguez, Raquel Méndez, ou Anxo Moure. As actividades para o profesorado consistirán en obradoiros, laboratorios e charlas e os interesados poderán inscribirse no teléfono 981278259. A matrícula no curso será por rigorosa orde de inscrición até encher prazas. En canto ás exposicións, haberá unha de libros cedidos polas editoriais, outra de ilustradores e unha máis de materiais elaborados polo alumnado. As actividades coas familias centraranse nunha charla, o xoves 26 ás 18.00 horas, con Natacha Roibás. O presidente da ASPG, Xoán Costa, manifestou na presentación que "a actividade fundamental está dirixida a nenos e nenas coa celebración de obradoiros moi variados e interesantes. Máis de mil rapaces están xa inscritos para a participación dos mesmos, que van dirixidos aos escolares desde 1º de Primaria até 1º de ESO". O director da oficina principal de Caixanova en Carballo, José Ulfe, salientou que "é un pracer colaborar neste evento, como xa fixemos o ano pasado. Debido a que o éxito está garantizado, volveremos o ano que vén coa terceira edición". A delegada provincial de Cultura e Deportes, Milagros Lantes, engadiu na presentación do programa que "a Consellería está facendo unha aposta forte polo libro e a lectura, cun investimento de sete millóns de euros para poñer en marcha a lei do libro. Os eixos da familia, escola e bibliotecas son os piares fundamentais da actuación neste sentido". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pechou o acto dicindo que "coñecendo ás persoas que van pasar por aquí, non só a nivel galego senón internacional, estamos moi gratamente sorprendidos. Trátase dunha magnífica programación e esperemos que a Semana do Libro e a Lectura vaia de medo".

Compartir: