Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello presentou o proxecto TEMUNDE nun acto...

INDUSTRIA

O Concello presentou o proxecto TEMUNDE nun acto público en Carballo

Xoves 26 de abril do 2007

As actuacións faranse sobre unha superficie de 24 hectáreas nas que se encontran 344 edificios de uso residencial (1.200 vivendas), 5 de uso terciario (a Cámara Agraria, 2 colexios, os xulgados e a Casa dos Oficio), 3 zonas verdes (Parque da Milagrosa, San Martiño e a Praciñas dos Xulgados) e ao redor de 200 solares baleiros. O proxecto TEMUNDE, que se presentará no ano 2008 á convocatoria do Programa Europeo Concerto, baséase na rehabilitación das vivendas e dos espazos urbanos destes conxuntos residenciais mediante a implantación de sistemas de eficiencia enerxética, o que supoñerá a instalación de dispositivos de fontes renovables para proporcionar a subministración eléctrica e a posta en marcha de iniciativas de fomento do aforro e o emprego. A idea desta iniciativa é converter esta área xeográfica nunha comunidade local que sexa un modelo de sostibilidade enerxética, cumprindo os fins fixados pola Unión Europea de aquí ao 2010 mediante iniciativas como a protección do medio ambiente coa reducción das emisións de CO2, o apoio ao desenvolvemento local e rexional, a creación de emprego a nivel local e rexional e a garantía do abastecemento enerxético, reducindo a importación. Os obxectivos a acadar nos barrios da Milagrosa, Igrexario e A Casilla serían asegurar o seu desenvolvemento sostible, mellorar a calidade de vida da cidadanía reducindo o consumo enerxético e o custe correspondente e promover a visibilidade turística do Concello a través dos mecanismos de enerxías renovables. O programa inclúe diferentes actuacións a realizar nos tres barrios, como a creación dun parque temático sobre enerxías renovables, a xeración de enerxía suficiente para cubrir a demanda de consumo local, a adaptación de infraestruturas para instalar fontes enerxéticas limpas e a realización de programas de formación e sensibilización de cara ás enerxías renovables dirixidos a usuarios, construtores e promotores, técnicos e á sociedade en xeral.

Compartir: