Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os libros dan paso á danza...

CULTURA

Os libros dan paso á danza contemporánea na oferta cultural do Concello para esta fin de semana

Venres 27 de abril do 2007

Por outra parte, continúan as actividades abertas ao público co contacontos a cargo de Anxo Moure, e as actividades para o profesorado co obradoiro "A música galega na escola", da man de Paulo Nogueira e Magota Bodega.
Primavera en Danza
Ademais da clausura da Semana do Libro e a Lectura, esta fin de semana comeza en Carballo o ciclo Primavera en Danza. Hoxe venres, 27 de abril, ofrécese o primeiro espectáculo e carta de presentación: Vacuo, do Centro Coreográfico Galego, que se representará no Pazo da Cultura ás 21.00h. Vacuo é unha peza na que dez bailaríns realizan unha reflexión, chea de sentimentos e e emocións, sobre a degradación da natureza, a través de catro fragmentos coreográficos nos que o bosque se pode asimilar tamén coa alma humana e co esquecemento de valores. Fronte a este deterioro propoñen un "espacio vacuo", de rexeneración. A coreógrafa e bailarina ourensá Maruxa Salas é a directora deste primeiro espectáculo do Centro Coreográfico Galego. Formada en Madrid e Londres, Maruxa Salas conta cunha longa traxectoria como bailarina e coreógrafa en varias compañías entre as que salienta o Ballet Nacional de Cuba. Foi galardoada co Premio de Composición Coreográfica no ano 2004 e conta con dúas mencións no prestixioso Certame Burgos-New York. Con esta obra a coreógrafa ourensá Maruxa Salas, integra dunha maneira activa, os traballos doutros creadores como a música de Berrogüetto, o espazo escénico de Baltasar Patiño, o vestiario de Ruth D. Pereiro e os audiovisuais de Adriana Domínguez, presentando un espectáculo multidisciplinar.
O sábado 28 será o turno da compañía Ballet Studio coa representación De meu. Este fermoso espectáculo recrea o mundo das mulleres, a alegría, a represión, o desconcerto ou a resistencia. Desde unha concepción moi plástica e poética, na que a escenografía e o vestiario teñen un papel esencial, preséntase a loita da muller por atopar o seu propio camiño na sociedade. Ballet Studio naceu hai máis de vinte anos da man da súa actual directora e coreógrafa, María Dolores Mayán. Ten producido creacións tanto de corte clásico como contemporáneo, recibindo diferentes mencións en España e Galicia. As últimas tres creacións desta compañía xiran ao redor do mundo da muller.

Compartir: