NOVAS TECNOLOXÍAS
Presentado no Concello o proxecto Cidades Dixitais 2
Xoves 3 de maio do 2007
Cidades Dixitais é un proxecto promovido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que xa marca liñas de traballo como a administración electrónica, a conectividade, as actuacións en cultura, ocio e turismo, ou a parte relativa á formación. A implantación deste tipo de programas supón para concellos e cidadanía un importante avance na utilización das novas tecnoloxías, a través de liñas ADSL, wi fi e wi max. Cidades Dixitais pretende ser un espazo virtual de interacción no que, por exemplo, no ámbito da teleadministración as vantaxes son inmediatas e visíbeis, xa que será posible realizar trámites a través dos medios electrónicos, algo que hoxe non está ao alcance da maioría dos cidadáns. A participación neste programa é un paso máis do Concello no ánimo de adaptarse ás novas tecnoloxías e dotar á veciñanza de máis servizos, como xa fixo sendo un dos primeiros concellos de Galicia en sumarse ao proxecto Administratel. No que atinxe aos fondos, estímase que o orzamento oscilará entre os 600.000 e 1.200.000 euros, dos que o Ministerio aportará o 50%, mentres o 50% restante será acometido polos concellos beneficiarios, a Xunta de Galiza e a iniciativa privada. Gabriela Garrido manifestou no acto de presentación que "Carballo conta coa vantaxe de que non parte de cero, polo que haberá que profundizar en varios dos temas do proxecto para convertilo en vila dixital". Na mesma liña se manifestou a deputada provincial Raquel Jabares, quen dixo que "dos catro concello que participan nesta segunda fase o de Carballo é o máis idóneo e, quizáis, o máis avanzado en temas de teleadministración de toda a provincia. Este Concello ten unha gran visión para a administración electrónica". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou pola súa parte que "non queremos perder a posición de privilexio que Carballo ten neste momento ao fío das novas teconoloxías. Grazas a este proxecto, vai ser posible chegar a todo o territorio en materia de conectividade".