CULTURA
Inquedanza e 10&10 Danza pechan o ciclo de Primavera en Danza
Venres 4 de maio do 2007
En la Cuenca de tus ojos foi a obra gañadora do IV certame de creación coreográfica de Galicia que organiza o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), no que se recoñecen a interpretación da bailarina Ana Beatriz Pérez. Tamén acadaron o 1º premio do certame internacional de danza Burgos-New York (2006). Este espectáculo de danza ten como o eixo central o amor: o amor como sentimento, os pecados do amor, o arrepentimento polos erros cometidos coa persoa amada. Ademais, haberá un encontro co director e coreógrafo Armando Martén da compañía Inquedanza, que nos achegará ao espectáculo En la Cuenca de tus ojos a partir das 20.00h no Pazo da Cultura.
O sábado, 5 de maio, remata o programa de Primavera en Danza co espectáculo Hebras de mujer, da compañía madrileña 10&10 Danza. Esta premiada compañía preséntanos un espectáculo que está colleitando grande éxito nos escenarios de toda España, que destaca pola súa beleza e pola súa comprensible e clara coreografía, dunha das máis recoñecidas coreógrafas españolas, Mónica Runde, que foi Premio Nacional de Danza (2004). 10&10Danza creouse no ano 1989 e ten actuado por todo o mundo, acadando numerosos e prestixiosos premios. Hebras de mujer aborda a figura da muller dunha forma íntima, persoal, sensible ante todo o que lle doe ou padece.Tres momentos que falan de tres mulleres, alomenos de tres tipos de muller e súa evolución ao longo do século XX. A muller dos anos 30, sen dereito a voto, co único obxectivo de formar una familia, a muller dos anos 60, que irrompe no mundo laboral pero a súa historia segue vencellada ao mundo masculino, do que depende, e as mulleres de hoxe, liberais e conservadoras, que conforman dous tipos de "familia" ben diferenciadas. Tamén mañá terá lugar un encontro coa directora e coreógrafa da compañía 10&10 Danza, Mónica Runde, ao finalizar o espectáculo. O público asistente poderá coñecer da man desta recoñecida coreógrafa o proceso de creación o espectáculo Hebras de mujer. As dúas actuacións comezarás ás 21,00 horas.