CULTURA
Miguel Mosquera e Séchu Sende gañan o III Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo
Venres 11 de maio do 2007
O seu artigo analiza a necesidade de que haxa proxectos normalizadores que conecten á clase obreira e á xente do ámbito cultural, por seren estes dous sectores os de maior uso do galego. O artigo foi galardoado «pola súa calidade, pola súa clareza expositiva e calidade lingüística, polos contidos orixinais e pola concreción nun tema concreto, cunha proposta clara para a normalización da lingua galega».
O xurado tamén decidiu concederlle o segundo premio, dotado con 350 euros e a publicación nos mesmos xornais, ao artigo Guía da sociolingüística sexual, de Séchu Sende (Padrón, 1971), activista social e cultural, dinamizador sociolingüístico, profesor, autor de obras como Orixe (Premio Blanco Amor 2003) e participante activo de diversos colectivos sociais.
O seu artigo fai analoxía entre os bicos e a lingua, partindo de que «normalmente a primeira vez que outra persoa entra no noso corpo, ou a primeira que nós entramos dentro doutra persoa, é coa lingua». O artigo foi premiado «polos seus contidos orixinais e atractivos, pola súa capacidade de incidencia no público, polo seu humor e polas súas posibilidades no ámbito xuvenil».
Accésit
Os membros do xurado do certame tamén quixeron recoñecer cun accésit, aínda que sen dotación económica, o artigo Rariño seralo ti, do xornalista e na actualidade lector de galego en Stirling (Escocia), coordinador do suplemento proTexta da revista Tempos Novos e habitual colaborar do Vieiros, Xabier Cid (Ourense, 1975), «pola súa calidade, polas súas ideas innovadoras e pola concreción nun tema concreto cunha proposta de reflexión no mundo da normalización lingüística clara e necesaria, cuestionando o propio termo "normalización"».
A entrega de premios terá lugar o xoves 17 de maio de 2007, ás 19.00 h, na Praza do Concello de Carballo, no transcurso dos actos do Día das Letras Galegas, e os artigos premiados serán publicados nos medios colaboradores diarios o sábado 18 de maio o (segundo premio) e o domingo 19 de maio (o primeiro premio), e nos casos dos medios non diarios nas edicións inmediatamente posteriores a eses días.
O xurado estivo composto por Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e coordinadora provincial dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino; Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor da Universidade da Coruña e director do Servizo de Normalización Lingüística desa universidade; Ramón Vilar Landeira, segundo premio na edición de 2006 desta certame e director do xornal dixital Vieiros; e por Nel Vidal, do Servizo de Normalización Lingüística de Carballo, con voz e sen voto.
Segundo se reflexa na acta, «o xurado considera que a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega, de crear espazos nos xornais para analizar a situación social do galego e de promover o uso do galego na prensa escrita. Tamén destaca que esta terceira edición consolida o certame», tamén «considera que a calidade dos traballos presentados é alta, polo que felicitan a todas as persoas que se presentaron. Tamén destaca que a calidade lingüística do conxunto dos artigos aumentou con respecto ás edicións anteriores».
Máis información no blog do proxecto Literactúa