Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 300 escolares de Carballo...

CULTURA

Máis de 300 escolares de Carballo participaron na Coruña na carreira en defensa do idioma, o Correlingua 2007

Martes 15 de maio do 2007

Na festa dos Xardíns de Méndez Núñez leuse o manifesto Ninguén nos cala. Galegando!, houbo concursos de pancartas, diversas actividades, sorteos de agasallos a unha actuación do grupo de animación teatral Chévere e do Xabarín da TVG. Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro. A carreira de hoxe, penúltima deste ano, xa pasou por Santiago, Fene, A Mariña, Lugo, Ourense, Baixo Miño, Vigo e O Salnés. Mañá mércores, día 16, terá lugar en Pontevedra. Esta iniciativa está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), pola CIG-Ensino, pola Mesa pola Normalización Lingüística e polos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino participantes, coa colaboración da TVG e de diferentes institucións galegas, entre elas, o Concello de Carballo.

Compartir: