CULTURA
Suso de Toro presenta o seu libro ‘Home sen nome’ na Cervexaría San Xoán
Mércores 30 de maio do 2007
Home sen nome aborda unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai, a presenza da sombra do seu irmán xemelgo, o seu paso polo Berlín onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou, o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul. A visita de Celia, unha moza guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos, torturas e violacións e as súas razóns para facelos… Empregando formas achegadas ao drama, Suso de Toro ofrece a súa obra literaria máis ambiciosa: un relato de ficción intenso e emotivo onde pairan como pano de fondo os acontecementos da represión en Galicia durante os días do alzamento e os anos da posguerra. Unha reflexión perturbadora sobre a memoria que deita a mirada dun dos verdugos. Unha novela que procura as palabras necesarias que expresen e absolvan tanta dor afogada.
Suso de Toro naceu en Santiago de Compostela en 1956. Está licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. É Premio Nacional de Narrativa 2003. Como narrador publicou Caixón desastre (1983, 1991), relatos, Premio Galicia da Universidade de Santiago; Polaroid (1986), relatos, Premio da Crítica Galicia; Land Rover (1988), novela; Ambulancia (1990), novela; Tic-Tac (1993, 2003), novela, Premio da Crítica Española 1994; A sombra cazadora (1994), novela; Conta saldada (1996), novela; Calzados Lola (1997), Premio Blanco Amor 1997; Círculo (1998), relatos; Non volvas (2000), novela, Premio da Crítica Española; Trece badaladas (2002), novela, que foi adaptada libremente ao cine por Xavier Villaverde co título homónimo (2003) e Premio Nacional de Narrativa 2003; Morgún (2003), novela e Home sen nome (2006), novela. Escribiu os libros de xornalismo e ensaio: F.M. (1991), Unha memoria da esquerda nacionalista (Camilo Nogueira e outras voces) (1991), Eterno retorno (1996), Parado na tormenta (1996), O país da brétema (2000), A carreira do salmón (2001), Nunca máis, Galiza á intemperie (2003), Españois todos (2004), Ten que doer (2004) e Outra idea de España (2005). Publicou ademais a obra de teatro Unha rosa é unha rosa (1997) e Servicio de urxencias (2002), guións de televisión, etc. Tamén é protagonista do libro, preparado por Antonio Pedrós-Gascón, Conversas con Suso de Toro (Xerais 2005).