Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero acada a maioría na...

O PSOE APOIA AO BNG E PP E TEGA AOS SEUS RESPECTIVOS CANDIDATOS

Evencio Ferrero acada a maioría na súa reelección como alcalde de Carballo

Sábado 16 de xuño do 2007

O salón de plenos do Concello de Carballo ateigouse de xente para a toma de posesión dos novos concelleiros e a investidura do alcalde. Manuel Andrade Cristóbal (concelleiro electo de maior idade), que conformou a mesa encargada de dirixir o acto xunto con Marcos José Trigo Facal (o máis novo), encargouse de abrir a sesión felicitando a todos os membros da nova corporación. De seguido, e comezando pola formación que máis votos acadou, xuraron o seu cargo mediante a fórmula legalmente prevista os 21 concelleiros electos:

Polo BNG:

  • Evencio Ferrero Rodríguez
  • Belén Lendoiro Esmorís
  • Luís María Lamas Álvarez
  • María Dores Silveira Sande
  • José Manuel García Guillín
  • María Lourdes Rey Fau
  • Benedicto Viña Costa
  • María Mar Eirís Villar
  • Marcos José Trigo Facal

Polo PP:
  • Alberto Sueiro Pastoriza
  • Ramón Antelo Veiga
  • Margarita Varela Lema
  • Juan Carlos Castro Pombo
  • María Esperanza Pan Collazo
  • Jesús Ricardo Serrano Tasende

Por TEGA:
  • Manuel Andrade Cristóbal
  • María Asunción Méndez Vilalta
  • Ramón Eirís Pérez

Polo PSOE:
  • José Antonio Viña Patiño
  • María Jesús Vázquez Vázquez
  • María Manso Cid

Acto seguido, e despois de que os voceiros de cada grupo proclamasen como candidatos aos seus respectivos cabezas de lista -coa excepción do PSOE-, procedeuse á elección do alcalde a través dunha votación que finalizou con 12 votos a prol de Evencio Ferrero Rodríguez, 6 a favor de Alberto Sueiro Pastoriza e 3 en apoio de Manuel Andrade Cristóbal.

Chamamento ao diálogo e á participación
Logo de recibir o bastón de mando do Concello no medio dun cálido aplauso, Evencio Ferrero tivo palabras de agradecemento para o conxunto dos cidadáns de Carballo e dos membros da corporación e, na liña do seu discurso de investidura do ano 2003 (no que recordara aos alcaldes carballeses que o precederon), quixo nesta ocasión facer unha mención especial a Jacinto Carballo Lea como "proba do recoñecemento e respecto a un alcalde que aínda hoxe segue sendo lembrado por todos os veciños".

Na súa intervención, o novo alcalde de Carballo recordou o compromiso do seu goberno co desenvolvemento dun regulamento de participación cidadá para conseguir que "os cidadáns sexan os protagonistas da política municipal" e contando tamén coa axuda de toda a corporación, á que enviou "unha oferta de diálogo e participación". Do mesmo xeito, manifestou o seu desexo de poder ter en fronte a "unha oposición construtiva" e marcou como obxectivo prioritario desta nova lexislatura a consecución dun acordo en materia de urbanismo.

Evencio Ferrero pechou a súa intervención desculpándose polos erros cometidos, sinalando que "neses erros e acertos seremos outra vez avaliados", e facendo un chamamento á unidade das diferentes forzas políticas "para construír o Carballo vivo, dinámico, activo e emprendedor que todos e todas desexamos".

Compartir: