CULTURA
Literactúa achega ao Café Valle Inclán a presentación do libro ‘O club da calceta’, de María Reimóndez
Mércores 27 de xuño do 2007
A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora de O club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.
María Reimóndez Meilán naceu en Lugo en 1975 e é tradutora e intéprete de profesión e feminista por convicción. O seu primeiro libro publicado é Moda Galega (Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Positivas 2004). En 2005 foi finalista do Premio Merlín coa súa novela xuvenil Usha e finalista do Premio Xerais con O club da calceta, que xa vai pola súa 2.º edición. Tamén colaborou con O son das buguinas, un libro e DVD solidarios promovidos por Implicadas/os no Desenvolvemento. Leva escribindo desde que tiña 6 anos, recibiu premios durante a súa mocidade (Rúa Nova, Minerva), é autora de varias obras de teatro e participou en múltiples recitais poéticos. Tamén colaborou con artigos de opinión en A Nosa Terra e en Vieiros. Forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo. María Reimóndez leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación e participación en diversos proxectos, todos na India, funda Implicad@s no Desenvolvemento, que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurábel. É experta en enfoque de xénero na planificación e avaliación de proxectos de diversa índole, sobre todo de desenvolvemento integral tanto en zonas urbanas como rurais. María Reimóndez é tamén fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación.