Inicio Carballo ao día Hemeroteca Apróbase a convocatoria de...

CULTURA

Apróbase a convocatoria de subvencións para o Programa anual de actividades 2005

Martes 4 de outubro do 2005

Con estas subvencións o Concello de Carballo pretende contribuír á promoción da cultura e do tecido asociativo e ao fomento do seu papel no desenvolvemento cultural da zona, así como favorecer o acceso á cultura por parte dos cidadáns e promover a diversidade de propostas culturais.

Poderán solicitar as axudas todas as asociación que teñan a súa sede social no municipio e que realicen nel as súas actividades culturais regularmente, que estean rexistradas no Concello e que as actividades que propoñan non persigan finalidades estritamente de lucro.

Na concesión das subvencións teranse en conta os seguintes aspectos que se ponderarán segundo as porcentaxes que se indican:

  • Importancia e interese cultural do programa de actividades e dos gastos realizados en infraestrutura e equipamento correspondentes ao ano 2005. (30%)
  • Valoración económica do programa e dos investimentos realizados e dos gastos de mantemento, tendo en conta o plan de financiamento e as axudas económicas que se reciben doutros organismos públicos (20%).
  • Número de socios da entidade e número de beneficiarios do programa ou investimento e proxección social do mesmo. (20%)
  • Ámbito territorial e social do proxecto, tendo en conta actuacións de interese global para o municipio e a intervención en áreas con necesidades especiais como a zona rural. (15%)
  • Consideración das actividades realizadas durante os tres últimos anos. (10%)
  • Cooperación entre entidades coa vontade de optimizar esforzos e recursos e estímulo da participación. (5%)
O prazo de solicitude destas subvencións comezará ao día seguinte da publicación das bases na prensa local. Estas axudas son compatibles con outras concedidas por outras administracións ou entes, e a súa contía non superará o 50% do presuposto total do programa presentado.

Compartir: