Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os grupos políticos de Carballo analizaron...

CONVOCATORIA

Os grupos políticos de Carballo analizaron os temas a abordar na primeira sesión plenaria da lexislatura

Martes 3 de xullo do 2007

En torno ás dedicacións exclusivas e retribucións, a proposta que se levará a pleno contempla cinco dedicacións exclusivas e tres parciais. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, contaría con dedicación exclusiva e seguiría a percibir a cantidade que recibía como mestre, 38.040,10 euros brutos anuais, en catorce pagas. O único Tenente de alcalde, José Antonio Viña, tamén tería unha dedicación exclusiva, percibindo 51.800 euros brutos anuais. As outras tres dedicacións exclusivas son para tres concelleiros do grupo municipal do BNG: Belén Lendoiro, Luis Lamas e Benedicto Viña. Os tres cobrarían 36.210 euros brutos anuais, a mesma cantidade que cobraba Belén Lendoiro como mestra. As dedicacións parciais serían para Lourdes Rey e Marcos Trigo, do BNG, e María Jesús Vázquez, do PSOE. Os tres pasarían a percibir a cantidade de 18.105 euros brutos anuais.

Comisións Informativas

En torno ás comisións informativas permanentes, a proposta recolle varias modificacións en relación ás da pasada lexislatura. O pleno pasaría a organizarse en catro comisións informativas permanentes: Facenda, Patrimonio e Especial de Contas; Urbanismo e Medio Ambiente; Benestar e Xestión Municipal; e Promoción Económica, Obras e Desenvolvemento. As comisións informativas permanentes contarán con tres representantes do BNG, dous do Partido Popular, 1 de Terra Galega e un do PSOE. Haberá tamén unha Comisión Especial de Seguridade, conformada por un representante de cada grupo político da corporación municipal.

Órganos Colexiados

En relación á representación da corporación en órganos colexiados, o Padroado Deportivo Municipal estaría representado por un integrante de cada formación política máis o alcalde de Carballo. A mesma distribución dáse na Mesa de Negociación e na Baremación e Seguimento da Escola Infantil Municipal. En torno aos centros escolares, a representación do Concello estará formada por integrantes do grupo de goberno.

Outras propostas

Outras das propostas a levar a pleno serán a periodicidade dos mesmos, establecida para os últimos luns de cada mes a partir das 20,30 horas, a única tenencia de Alcaldía para José Antonio Viña e a representación das Xuntas de Goberno Local, integrada por cinco concelleiros do BNG (Evencio Ferrero, Belén Lendoiro, Luis Lamas, Dores Silveira e José Manuel García Guillín) e dous do PSOE (José Antonio Viña e María Jesús Vázquez).

Áreas de goberno

Ademais, quedaron xa delimitadas as áreas de goberno logo do acordo alcanzado por BNG e PSOE para a gobernabilidade do concello. Evencio Ferrero continuará como alcalde de Carballo. Belén Lendoiro responsabilizarase da área de Cultura e Normalización Lingüística. Luis Lamas de Obras e Servizos. Dores Silveira de Benestar. José Manuel García Guillín de Promoción Económica. Lourdes Rey de Terceira Idade, Emigración, Sanidade e Igualdade. Benedicto Viña de Persoal, Réxime Interior, Policía, Tráfico e Praias. María del Mar Eirís de Educación. Marcos Trigo de Xuventude e Deportes. José Antonio Viña de Urbanismo, Medio Ambiente e Contratación. María Jesús Vázquez de Facenda e Patrimonio. E María Manso de Formación, Emprego e Participación Veciñal.

Compartir: