SESIÓN PLENARIA
O debate en torno ás dedicacións exclusivas centrou o interese da primeira sesión plenaria da lexislatura
Venres 6 de xullo do 2007
Logo de adoptar o acordo, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, contará con dedicación exclusiva e seguiría a percibir a cantidade que recibía como mestre, 38.040,10 euros brutos anuais, en catorce pagas. O único Tenente de alcalde, José Antonio Viña, tamén terá unha dedicación exclusiva, percibindo 51.800 euros brutos anuais. As outras tres dedicacións exclusivas son para tres concelleiros do grupo municipal do BNG: Belén Lendoiro, Luis Lamas e Benedicto Viña. Os tres pasarán a cobrar 36.210 euros brutos anuais, a mesma cantidade que cobraba Belén Lendoiro como mestra. As dedicacións parciais serán para Lourdes Rey e Marcos Trigo, do BNG, e María Jesús Vázquez, do PSOE. Os tres percibirán a cantidade de 18.105 euros brutos anuais.
Outros acordos
A sesión plenaria completouse coa constitución dos grupos políticos, a periodicidade dos plenos queda establecida para os últimos luns de cada mes a partir das 20,30 horas, a única tenencia de Alcaldía é para José Antonio Viña e a representación das Xuntas de Goberno Local queda integrada por cinco concelleiros do BNG (Evencio Ferrero, Belén Lendoiro, Luis Lamas, Dores Silveira e José Manuel García Guillín) e dous do PSOE (José Antonio Viña e María Jesús Vázquez). En torno ás comisións informativas permanentes, acordouse que o pleno pasará a organizarse en catro: Facenda, Patrimonio e Especial de Contas; Urbanismo e Medio Ambiente; Benestar e Xestión Municipal; e Promoción Económica, Obras e Desenvolvemento. As comisións informativas permanentes contarán con tres representantes do BNG, dous do Partido Popular, 1 de Terra Galega e un do PSOE. Haberá tamén unha Comisión Especial de Seguridade, conformada por un representante de cada grupo político da corporación municipal. En relación á representación da corporación en órganos colexiados, o Padroado Deportivo Municipal estará representado por un integrante de cada formación política máis o alcalde de Carballo. A mesma distribución dáse na Mesa de Negociación e na Baremación e Seguimento da Escola Infantil Municipal. En torno aos centros escolares, a representación do Concello estará formada por integrantes do grupo de goberno.