PROMOCIÓN
O grupo de goberno califica de ‘grande oportunidade’ a incorporación de Carballo ao Eixo Atlántico
Mércores 11 de xullo do 2007
A incorporación formal e efectiva de Carballo ao Eixo Atlántico será o 1 de xaneiro de 2008 e o Concello deberá aportar 18.000 euros anuais. Desde o grupo de goberno considerase que a inclusión de Carballo revertirá en maiores beneficios que gastos, contando con "moitas e grandes oportunidades que haberá que traducir en servizos e investimentos". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou esta mañá que "esperemos que sexa unha grande oportunidade non só para Carballo senón para toda a Costa da Morte, xa que o Eixo pretende correxir os desequilibrios territorias en Europa e, na Costa da Morte, somos a periferia da periferia. A primeira acción que xa levamos a cabo foi a de comunicar ao Eixo as nosas actividades turísticas máis salientables, polas que Carballo aparecerá nunha publicación no mes de octubre xunto coas grandes cidades de Galicia e Portugal". A incorporación de Carballo ao Eixo Atlántico tentará favorecer o seu desenvolvemento económico, social, cultural, tecnolóxico e científico, ademais de promover a cohesión interna dos seus integrantes, o desenvolvemento da Europa das cidades e cidadáns e a cooperación transfronteiriza para o desenvolvemento local. Carballo pasará a debatir sobre temas tan importantes como as necesidades estratéxicas ou a mellora das comunicacións, pasando a situarse ao mesmo nivel que as principais cidades de Galicia.