Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello solicita unha nova Escola Obradoiro...

EMPREGO

O Concello solicita unha nova Escola Obradoiro para rematar a Casa dos Oficios

Venres 13 de xullo do 2007

O anuncio fíxose este venres na Casa do Concello, nunha comparecencia que contou coa presenza do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a concelleira de Emprego, María Manso, e a directora da Oficina de Emprego de Carballo, María Luisa Pena. Esta última cifrou en 300 o número de parados de entre 20 e 24 anos que hai na comarca, da que a metade aproximadamente corresponderían a Carballo. Ademais, comentouse a incorporación de Carballo ao programa da Consellaría de Traballo , pola que o Concello conta cun curso de 15 prazas na especialidade de pavimentadora e azulexadora. O programa pretende a integración da muller en sectores até agora moi masculinizados e para o que, a día de hoxe, hai xa 59 solicitudes realizadas. En relación á solicitude da nova Escola Obradoiro, a concelleira de Emprego, María Manso, comentou que "se pretende que o alumnado, ademais de aprender o oficio, poda sair ao mercado laboral". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, engadiu que "esperemos que, como anteriormente, exista colaboración coa administración autonómica para desenvolver o proxecto da Casa dos Oficios, no só necesario para Carballo senón para toda a comarca. A Casa dos Oficios ten que ser unha prioridade para este mandato". O Concello de Carballo confía en ter unha resposta da Xunta de Galicia á solicitude durante o mes de setembro.

Compartir: