Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo afronta os últimos...

OS TRABALLADORES DO CONCELLO COÑECERÁN O PROTOCOLO QUE FALTA A FINAIS DE XULLO

O Concello de Carballo afronta os últimos trámites para acadar o selo de igualdade de Coruña Solidaria

Venres 20 de xullo do 2007

A concelleira de igualdade de Carballo, María Lourdes Rey, valorou de xeito moi positivo as actuacións realizadas ata o momento polo concello carballés no proxecto Equal 'En plan de Igualdade' da Agrupación Coruña Solidaria, segundo o que lle foi comunicado na xuntanza que tivo lugar no día de onte. Así mesmo, indicou tamén que cada vez está máis preto a consecución o selo que garante que esta institución cumpre os requisitos fixados nos itinerarios de igualdade deste plan, unha certificación que, con todas as evidencias, xa só está pendente da entrega dun protocolo interno que fixe as actuacións a seguir no caso de denuncias por acoso sexual no ámbito laboral do propio concello. Segundo a responsable de igualdade do concello de Carballo, agárdase que este trámite quede pechado antes de finais de xullo, xa que abondaría con que para esta data os traballadores do concello coñecesen a existencia e o contido do devandito borrador, que posteriormente será levado a pleno.

Se ben a concesión deste selo non depende directamente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, senón do programa Equal, María Lourdes Rey confía en que a súa consecución sexa unha evidencia de que Carballo cumpre cos itinerarios trazados en materia de igualade e corresponsabilidade, colaborando así á conseguir a Marca Galega de Igualdade.

O proxecto 'En plan de igualdade' enmárcase na segunda convocatoria da inciativa comunitaria Equal, financiada polo Fondo Social Europeo e cuxa actuación se centra na procura de igualadade de oportunidades entre homes e mulleres, na reducción dos desequilibrios sexuais, na eliminación da segregación no traballo e na conciliación da vida laboral e familiar das mulleres. Está promovido pola Agrupación de Desenvovemento Coruña Solidaria e conta co apoio de 15 entidades e institucións asociadas, entre os concellos de Carballo, Cerceda e A Coruña, que conforman a súa área de intervención.

Compartir: