CONTINÚAN OS TRABALLOS DE ACONDICIONAMENTO DAS ÁREAS MUNICIPAIS DE MAIOR INTERESE
Membros da brigada de Medio Ambiente limpan o contorno do dolmen de Pedra Moura
Martes 31 de xullo do 2007
Continuando cos labores de limpeza reiniciados a semana pasada co acondicionamento da férveda de Rus, os operarios municipais da brigada de Medio Ambiente traballan esta semana no contorno do dolmen de Pedra Moura, unha actuación que os membros deste grupo realizan con regularidade para preservar e por en valor o patrimonio natural e histórico-artístico do concello.
O dolmen de Pedra Moura, da cultura megalítica, está situado no lugar coñecido como Brañas do Carrexal, na parroquia de Aldemunde, e forma parte do patrimonio histórico-artístico do Concello de Carballo. Trátase dun dolmen que carece de túmulo e que presenta unhas dimensións de 2,40 por 3,20 metros. Só dous dos seus ortostatos se atopan no seu emprazamento orixinal e o de maiores dimensións alcanza os 2,30 metros de altura.