Inicio Carballo ao día Hemeroteca Súmanse cinco novos núcleos ao plan...

MÁIS DE 350 QUILÓMETROS ACONDICIONADOS

Súmanse cinco novos núcleos ao plan de limpeza municipal

Luns 6 de agosto do 2007

Os lugares de Fonte da Chavella, a área de lecer "A Braña do Muíño", a ponte de Lubiáns, a fonte-lavadoiro de Salto e a área de lecer de Vilela acaban de ser acondicionados polos operarios municipais. Estes traballos forman parte do plan integral que a Concellaría de Obras e Servizos está a pór en marcha para manter o Concello "limpo e sen risco de incendios", segundo afirmou o concelleiro, Luís Lamas.

Un total de once traballadores, entre os que se atopa persoal municipal e de tres empresas de fóra, están a empregar catro tractores, dos que dous son do Concello, para realizar estas tarefas de limpeza. Se ben os labores se realizan todo o ano, é nestes meses de verán nos que se concentran accións puntuais como son o acondicionamento dos lugares onde se vaian facer festas.

Segundo Lamas, debido a que este verán está a ser moi húmido, os reagromos son constantes e é preciso unha nova pasada por lugares nos que se acometeran desbroces ou limpezas recentemente. Ademais, e desde primeiros de xullo, o Concello leva limpados entre 350 e 400 quilómetros de pistas e outros terreos e outros 600 de vial asfaltado.

Traballos acometidos e próximos

A Fonte da Chavella (parroquia de Berdillo), a área de lecer "A Braña do muíño" (Sofán), a ponte romana de Lubiáns (Carballo) e a fonte-lavadoiro de Salto e a área de lecer, ambos os dous de Vilela son as últimas actuacións municipais. Estes lugares forman parte dos preto de 1000 quilómetros que o Concello limpa cada ano. Nesta última cifra tamén están incluídos a limpeza de baldíos e estradas secundarias.

Nos próximos días seguirase a realizar este labor nas parroquias de Rus, Sofán, Razo, Sísamo, Oza e Entrecruces. Os traballos consistirán en desbroces e limpeza de accesos aos núcleos xa rozados.

Compartir: