DENTRO DAS ACTIVIDADES DO VERÁN CULTURAL
Mercedes Peón e As Dríadas en concerto
Venres 10 de agosto do 2007
A primeira destas propostas, que se celebrará a partir das 20.00 h no Xardín Municipal, será un espectáculo de danza contemporánea baseado nunha fusión de hip-hop e baile moderno con outros estilos como o funky e os bailes latinos. Baixo o título "Móve-T", o que poderemos ver esta noite é un espectáculo fresco e novo interpretado pola compañía coruñesa de danza As Dríadas.
Mais o espectáculo non remata aí, xa que a partir das 22.30, na Praza do Concello, teremos a oportunidade de coñecer e escoitar o último traballo dunha das artistas galegas máis recoñecidas polo público e con máis proxección internacional, Mercedes Peón. Cando xa trascorreron tres anos desde o seu último disco, a autora presentará en Carballo o seu terceiro traballo discográfico, Sihá, no mesmo escenario no que xa estivo con Isué e con Ajrú. Este disco foi publicado no mes de abril e o seu nome provén dunha expresión popular empregada en Bergantiños.
A cantante e compositora coruñesa, que se revelou unha das figuras máis innovadoras e transgresoras do panorama musical galego, volve experimentar neste traballo sobre as súas raíces musicais tradicionais, ofrecendo un espectáculo cheo de forza e sentimentos de sinceridade. Estará acompañada por un amplo grupo de músicos que ademais de voces, gaita e percusión, incorporan piano, acordeón, baixo eléctrico, guitarra, clarinetes,... na procura da artista de novas sonoridades coa base da música de raíz.