APROVEITANDO O BO TEMPO
Comezan as obras de mellora no porto de Razo
Luns 13 de agosto do 2007
Os traballos centraranse na construción dun dique que facilitará a eliminación dos buratos que se atopan na zona da entrada, a máis cercana ao mar. Esta será unha das actuacións que se desenvolverán no porto de Razo, ademais dos traballos que seguen, aproveitando as condicións climáticas favorábeis do verán.
Para a realización destes labores, Portos de Galicia investirá a totalidade do orzamento, que ascende a 190.000 euros. Aínda que as obras comezarán proximamente, o acopio de materiais para a realización das mesmas púxose en marcha este luns.
Entre as actuacións previstas atópase o acondicionamento da zona de atraque para dar unha maior profundidade á rampa que se utiliza para subir as embarcacións, evitando desta maneira que estas golpeen contra o peirao no momento de izalas coa grúa. Ademais, o Concello de Carballo e a Xunta de Galicia acordaron tamén a mellora da instalación eléctrica e da auga, así como a colocación dunha baranda que mellore a seguridade de peóns e coches.
Unha vez finalizados estes traballos está prevista a realización de novas obras nas naves que empregan os pescadores para gardar apeiros, construcións que se atopan nun estado de funcionalidade moi deficiente, ao igual que a estetica dos mesmos, moi agresiva co entorno que os rodea.