Inicio Carballo ao día Hemeroteca Praza dos Libros renova a aposta do Concello de...

AS CASETAS DAS LIBRERÍAS PARTICIPANTES PERMANECERÁN ATA O DOMINGO NO XARDÍN MUNICIPAL

Praza dos Libros renova a aposta do Concello de Carballo pola difusión do libro galego

Venres 24 de agosto do 2007

O acto de apertura de Praza dos Libros, que tivo lugar na mañá de onte, contou tamén coa presenza de Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura; Evencio Ferrero, alcalde do Concello de Carballo e Belén Lendoiro, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística.

Esta última, encargada da primeira intervención e responsable do departamento que organiza esta feira, aproveitou a ocasión para presentar a programación do novo trimestre de Literactúa, unha iniciativa que está a ter moi boa acollida e que, na mesma liña de Praza dos Libros, procura a difusión do libro e da lectura en galego entre os veciños e veciñas de Carballo. Sechu Sende, en setembro; Carlos G. Meixide, en outubro e Manuel Rivas, en novembro, son os autores que conversarán directamente cos seus lectores en diferentes locais hostaleiros da vila nos vindeiros meses. A maiores destas dúas iniciativas, Belén Lendoiro quixo lembrar tamén que o Concello de Carballo alimenta o seu compromiso coa lectura ao longo do ano con outras como a Semana do Libro e da Lectura ou Libros ceibes, ás que agarda poder sumar proximamente, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lendo espero, o programa que converte as salas de espera dos centros médicos en lugares de achegamento á lectura.

A propósito destas iniciativas, Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, referiuse na súa intervención a Carballo como "un concello que aprecia o valor da cultura e do importante que é investir nela para o futuro", engadindo que "se significa por desenvolver iniciativas interesantes arredor da lectura". Neste sentido, e facendo alusión directamente a Praza dos Libros e Literactúa, quixo aproveitar este acto para "pedirlle autorización ao alcalde de Carballo para levar estas dúas iniciativas por toda Galiza".

Evencio Ferrero, alcalde do Concello de Carballo, lembrou o espazo ao que acudía a ler na súa infancia ao ver a praza do concello convertida nunha praza de libros e manifestou a súa intención de que, grazas a feiras coma esta, "o libro forme parte de Carballo". Na quenda de agradecementos fixo unha mención especial "aos libreiros que confiaron no concello para esta actividade e que axudan a crear persoas críticas e autocríticas".O libro como protagonistaMercedes Queixas, profesora, escritora e secretaria xeral de Asociación de Escritores en Lingua Galega, foi a encargada de ler o pregón inaugural de Praza dos Libros en Carballo, un concello, en palabras da autora, "onde as iniciativas culturais nacen sempre con afán de continuidade".

O libro, coas súas múltiples definicións, a súa historia e o seu futuro, foi o protagonista absoluto do pregón que Queixas preparou para a ocasión, un texto no que, sen esquecer que os índices de lectura de Galiza aínda están lonxe dos de outros países europeos, quixo introducir exemplos para o optimismo (caso dos máis de 65.000 exemplares editados de Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, do fenómeno de ventas de Herba Moura de Teresa Moure ou dos populares Os Bolechas e Anamarciana). Con todo, e malia a relevancia que segundo a profesora coruñesa ten o feito que "xa teñamos autores posuidores dunha gran presenza mediática", quixo engadir que "o valor da literatura non pode medirse só en cifras económicas" pois "os libros forman parte do mercado das ideas".

Queixas, que rematou a súa intervención cunha mención aos beneficios que, ao seu parecer, lle vai reportar á industria do libro e á difusión deste a Lei do Libro e da Lectura de Galiza, fixo especial fincapé na necesidade de divulgar a lectura na rede, sinalando que "o libro e a lectura necesitan para a súa boa saúde de internet".

Compartir: