Inicio Carballo ao día Hemeroteca Praza dos Libros pechou a súa segunda...

BELÉN LENDOIRO DESTACA A BOA ACOLLIDA DOS SETE TÍTULOS QUE SE PRESENTARON

Praza dos Libros pechou a súa segunda edición con máis de 20.000 visitantes

Luns 27 de agosto do 2007

Máis de 20.000 asistentes e arredor de 15.000 euros de ventas entre todos os postos que participaron na segunda edición de Praza dos Libros. Estas cifras son, en opinión de Belén Lendoiro, Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Carballo, un dos mellores avais do éxito da feira literaria celebrada na vila carballesa nos últimos catro días.

Os libreiros, pola súa banda, tamén fixeron un balance moi positivo desta nova edición, na que os ingresos superaron aos acadados na anterior. A maiores dos postos de venta de libros, e ademais doutros de camisetas de marca galega que se achegaron en días alternos, tamén participou nesta ocasión a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que aproveitou a oportunidade para recadar fondos a través da venta da súa artesanía.

Xosé Ramón Freixeiro Mato, Paco Souto, Xurxo Borrazás, Xan Fraga, Alberto Varela Ferreiro, José Antonio Andrade e Farruco Graña conforman a nómina de escritores que pasaron por Praza das Letras para presentar as súa respectivas novidades editoriais, unha lista á que hai que engadir os nomes de Mercedes Queixas Zas, encargada do pregón inaugural, e de Santiago Jaureguizar, que asinou libros na xornada de onte. Belén Lendoiro destacou a participación dos cidadáns nestas presentacións como un dos logros máis relevantes desta feira.Un libro, un panO feito de que Praza dos Libros coincidise, tanto na xornada do xoves coma na do domingo, coa celebración do mercado de Carballo permitiu que, ao longo do día de onte e grazas á asistencia de panadeiros produtores da marca Pan de Carballo, os libreiros puidesen agasallar cun molete a todas as persoas que mercaron un libro. Esta iniciativa, impulsada polo departamento de Promoción Económica do Concello de Carballo, animou a venta no último día dunha feira á que o departamento de Cultura e Normalización Lingüística pretende dar continuidade nos vindeiros anos.

Nos próximos meses Literactúa tomará o relevo de Praza dos Libros como promotora e difusora do libro galego no concello de Carballo.

Compartir: