NO PAZO DE CULTURA DO 7 DE OUTUBRO AO 1 DE NOVEMBRO
FIOT 2007 reflexiona sobre a construción da identidade na súa XVI edición
Venres 28 de setembro do 2007
O Pazo da Cultura carballés acolleu onte a presentación oficial da XVI edición do Festival Internacional Outono de Teatro, que terá lugar este ano entre o 7 de outubro e o 1 de novembro. O acto abrírono a Concelleira de Cultura do Concello de Carballo, Belén Lendoiro, que cualificou o FIOT como unha das iniciativas que axuda a formar público de teatro en Bergantiños e Alberto Sueiro, Presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, que destacou o crecemento deste festival e a celebración do primeiro encontro de organizadores de festivais de artes escénicas de Galicia.
A continuación interviron tamén, en representación dos socios-colaboradores de FIOT, José Luis Fernández, director de comunicacións de GADISA, e Fernando Prieto, director xerente da Fundación Caixa Galicia, que aproveitaron a ocasión para confirmar a continuidade das súas respectivas apostas. Caridad González Cerviño, presidenta da Comisión de Cultura da Deputación da Coruña, quixo asegurar tamén o apoio da institución provincial para o futuro, ademais de expresar o seu desexo de que este festival "chegue a converter a Carballo nun referente do teatro non só galego senón español".
Un recordo ao xérmolo do teatro carballés
Milagros Lantes, delegada provincial da Consellería de Cultura e Deportes, lembrou que potenciar eventos coma este é "un proceso que esixe unha planificación na que debemos implicarnos todos: administracións públicas, asociacións, empresas privadas...". A súa intervención iniciáraa lembrando os comezos do teatro afeccionado en Carballo como "base do nacemento deste festival" e recordando aos desaparecidos Manuel Rodríguez Caamaño e Jesús Rodríguez Carracedo, que tamén contribuíran ao espallamento da arte dramática na localidade.
O recordo nostálxico destes dous pioeiros, así como a reivindicación do dramaturgo San Luis Romero, o "zapateiro poeta", enfiou tamén a intervención do rexedor municipal, Evencio Ferrero, que lembrou e agradeceu a participación de Portugal nesta edición e que cualificou o FIOT como "un emblema de Carballo".
E ademais:
Xa podes consultar a programación e todas as actividades paralelas de FIOT 2007 na web www.fiot.org.
Tamén podes descargar na columna da dereita as bases e fichas de inscrición do VII Certame Galego de Dramatización de Monólogos Cómicos Outono de Teatro e do VII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís.