OS AXENTES DA POLICÍA LOCAL CONTINÚAN IGUALMENTE COA CAMPAÑA DE INSPECCIÓN
O Concello de Carballo comezou a remitir os primeiros requerimentos para a retirada de vaos non autorizados
Venres 5 de outubro do 2007
Co envío destes avisos o departamento que xestiona o concelleiro Benedito Viña Costa ordeou a retirada, nun prazo de 10 días, dos primeiros 46 vaos irregulares detectados polo corpo de axentes da Policía Local de Carballo, que iniciou esta campaña hai aproximadamente 2 semanas coa finalidade de detectar a súa colocación irregular nas entradas de determinados locais, garaxes na maioría dos casos. Os titulares destes vaos, no caso de non proceder como lles foi indicado, terán que afrontar a instrucción dun expediente sancionador e a imposición de multas coercitivas.
Os vaos que contan con autorización legal son os que teñen na parte superior da placa a referencia do Concello de Carballo e, na inferior, o número de licenza municipal concedida. A colocación irregular destas placas incumpre a normativa municipal na materia e non prohibe, en ningún caso, que os vehículos estacionen fronte a elas. Ademais, constitúe unha infracción á Lei de tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial e ao Regulamento Xeral da Circulación.
Coa finalidade de localizar outros vaos irregulares o corpo de Policía Local do Concello continúa nestes momentos cos traballos de inspección.
Dende esta concellaria infórmase de que as persoas que desexen contar cunha reserva de entrada e saída a un garaxe deberán presentar no concello a correspondente solicitude. No caso de que esta sexa de dimensión reducida (de 5 vehículos ou menos) a normativa específica que se debe cumplir é de carácter menor. Deberán, en todo caso, presentar xunto coa solicitude un plano de superficie do garaxe e contar cun extintor, ventilación natural, instalación eléctrica entubada, etc...