SEMINARIO GRATUÍTO NO PAZO DA CULTURA DE CARBALLO
O Concello de Carballo patrocina un seminario sobre accesibilidade nos municipios
Luns 29 de outubro do 2007
Este seminario, que terá lugar o vindeiro 16 de novembro a partir das 9:00 horas no Pazo da Cultura, será gratuíto e incidirá especialmente no turismo accesible, incluíndo na súa programación unha proba práctica para que os asistentes se poñan no lugar das persoas que se atopan con barreiras arquitectónicas todos os días. Ao longo desta xornada abordaranse, entre outros asuntos, a lei de accesibilidade en Galiza e a súa aplicación, as características e necesidades dos usuarios con maior nivel de esixencia, a novas tecnoloxías e a accesibilidade…
Participarán como ponentes Tatiana Alemán Selva, arquitecta de Predif; Elena Ortega Alonso, socióloga de Predif; e José Manuel Azorín-Albiñana, xefe de producto de necesidades especiais Vodafone España.
As persoas interesadas en asistir a este seminario, que está dirixido preferentemente a persoal das administracións públicas, hostaleiros e outros profesionais, deben formalizar a súa inscrición nos teléfonos 981 706 163/646 529 993 ou escribindo un correo a info@meigalicia.com.
Na columna da dereita podes descargar o programa completo do seminario Municipios para todos.