Os pais e nais xa poden deixar aos seus fillos/as no centro antes do comezo da xornada escolar
Ponse en marcha o Programa Concilia no CEIP A Cristina
Martes 6 de novembro do 2007
O esforzo realizado por parte da Concellaría de Igualdade do Concello de Carballo, do propio centro, e dos pais e nais de alumnos fixo posible que o CEIP A Cristina se poida sumar esta semana a outros centros carballeses nos que o programa Concilia xa funciona desde o pasado mes de setembro. Trátase dunha iniciativa xestionada pola Concellaría de Igualdade do Concello de Carballo para conciliar a vida laboral e familiar dos cidadáns carballeses, permitíndolles aos pais e nais deixar os seus fillos/as no centro de ensino antes do comezo da xornada escolar.
O Programa Concilia foi deseñado para responder ás necesidades familiares derivadas do desfase que existe, en numerosos casos, entre os horarios escolares e os laborais. Coa finalidade de que pais e nais poidan compatibilizar as súas obrigas familiares coas que esixe o seu traballo, este servizo ofrece a posibilidade de poder deixar aos menores no centro no que están escolarizados dende a primeira hora da mañá. Alí, un grupo de monitores especializados encargarase da acollida, protección e vixilancia dos escolares, cubrindo as súas necesidades didácticas, de ocio, e mesmo coa posibilidade, voluntaria, de gozar dun servizo de almorzo equilibrado.
Para obter máis información sobre este programa pódese consultar aquí a Ordenanza reguladora da prestación dos servizos contidos no Programa Concilia e dos seus prezos públicos.