Inicio Carballo ao día Hemeroteca A sede do Viveiro de Empresas acolle unha mesa...

MAÑÁ XOVES ÁS 18:00 HORAS

A sede do Viveiro de Empresas acolle unha mesa redonda o sector da construción

Mércores 7 de novembro do 2007

A intención do Grupo Impulsor do Observatorio ao elixir o sector da construción como obxecto deste debate é realizar unha análise da realidade deste sector coas súas implicacións futuras e intentar apuntar as liñas de desenvolvemento a seguir para a consolidación e fortalecemento dun sector que ten un enorme peso na economía da Costa da Morte, tanto a nivel agregado como nas economías domésticas.

O equipo organizador deste encontro considera que a época de bonanza da que disfruta o sector, así como as perspectivas presentes e futuras de cambios no mercado, fan deste momento o propicio para tratar a súa situación e valorar a magnitude deses cambios reaccionando de forma anticipada aos mesmos.Unha ampla representatividadePara a consecución de eses obxectivos foron convocados a este acto organismos oficiais que veñen colaborando de forma estreita e continuada nas labores do Observatorio, como son o Concello de Carballo ou o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); asociacións empresariais tanto sectoriais (APPECO, ASINEC, ASFHORGAL, AGASCA, ou a recén creada APROCOM -Asociación de Promotores da Costa da Morte-) como territoriais (FECOM, AXOBER, ASEMCAR, a Asociación de Empresarios de Soneira ou a Comunidade de Propietarios do Polígono); sindicatos (CIG, UXT ou CCOO) e un amplo grupo de empresas, tanto da construción e promoción coma de todos os subsectores relacionados co desenvolvemento de obras públicas e privadas (instaladores, provedores...).

Ao longo da sesión traballarase sobre o informe relativo ao sector da construción na zona, elaborado recentemente e xa distribuído pola Antena Cameral, asi como sobre unha análise xenérica das fortalezas e debilidades do sector, de cara a confirmar qué pautas das detectadas a nivel xeral, e cáles non, se repiten a nivel Costa da Morte.

Para máis información, os interesados poden visitar a páxina da Antena Local www.antenacarballo.com ou contactar coa Cámara de Comercio- Antena Local de Carballo no teléfono 981757599.

Compartir: