DO 9 DE NOVEMBRO AO 5 DE DECEMBRO NO PAZO DA CULTURA
A Víctor Aneiros Band inaugura hoxe os concertos de 'Novembro con Música'
Xoves 8 de novembro do 2007
A Víctor Aneiros Band, liderada polo guitarrista ferrolán que lle dá nome, será a encargada de poñer os primeiros acordes dun 'Novembro con Música' que un ano máis é posíbel grazas ao traballo da Consellaría de Cultura e Normalización Lingüística e das agrupacións musicais do municipio.
Os concertos desta edición, un total de 14, extenderánse ata o vindeiro mércores día 5 de decembro e, como vén sendo habitual, non faltarán actuacións para os máis pequenos, concertos didácticos, e a presenza de numerosas formacións musicais da localidade. De cara a conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero o Concello de Carballo, en colaboración co Centro de Información á Muller, incluíu tamén no cartel un concerto Estívaliz Espinosa, Rupert Twain e Quique Alvarado que leva por título 'A voz maquillada' e que terá lugar o día 25 de novembro.
O grupo de cámara da Orquestra Sinfónica de Galicia será o encargado de pechar as portas desta edición de 'Novembro con Música', cuxo programa completo podes consultar aquí.