Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa ''A Cultura...

REPRESENTACIÓNS ÁS 10.30 E ÁS 12.15 NO PAZO DA CULTURA

O programa ''A Cultura Educa'' comeza hoxe coas primeiras sesións de Teatro na Escola

Luns 12 de novembro do 2007

Nesta ocasión, con motivo da Semana da Ciencia organizada polo Consello Superior de Investigacións Científicas do Ministerio de Educación e Ciencia, escolleuse o espectáculo Mensaxe nunha botella de plástico, da compañía galega Teatro Buratini, que está centrado no mar e nos problemas aos que este se enfronta como consecuencia da contaminación. Esta peza teatral está destinada aos alumnos e alumnas de 3º e 4º de educación primaria.

As representacións previstas comezarán ás 10.30h e ás 12.15h no auditorio do Pazo da Cultura, coa seguinte distribución:

Ás 10.30h asistirán os alumnos e alumnas do CEIP Fogar, o CEIP Canosa-Rus, o CEIP Gándara-Sofán e mais o Colexio Artai. Na segunda sesión, ás 12.15h, chegará a quenda do CEIP A Cristina, o CEIP San Luís Romero, o CEIP Nétoma-Razo e o CEIP Bergantiños.

Mensaxe nunha botella de plástico é unha viaxe de descubrimentos, aprendizaxe e revelacións, na que o noso protagonista, Cornecha, atopará ao remitente da mensaxe nunha botella de plástico, un peixe cativo. Xuntos, coa axuda do pirata Patatola, trazarán un plan que permitirá á fin que o mar recupere o estado que nunca debeu ter perdido: un lugar cheo de vida respectado por todos.

Compartir: