Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello organiza dous cursos de...

LINGUA

O Concello organiza dous cursos de normalización lingüística na empresa

Martes 11 de outubro do 2005

O Curso para a optimización da comunicación empresarial celébrase entre o 19 de outubro e o 3 de novembro. Está destinado a traballadores que teñan algún tipo de responsabilidade na comunicación das empresas, ben sexan estas comerciais, industriais ou de servizos; así como a todos aqueles interesados en traballar neste ámbito. O prazo de inscrición para este curso remata o xoves 13 de outubro.

Os obxectivos deste curso son mellorar a comunicación formal e comercial do sector socioeconómico e fomentar o uso do galego para optimizar esta comunicación; facilitar os instrumentos precisos para mellorar a produción de textos e documentos; e mellorar e modernizar todos os aspectos comunicativos que lle afecten á documentación empresarial, como cartas, catálogos, contratos, orzamentos ou recibos.

O Obradoiro de estratexias de atención ao público para o comercio ten como finalidade concienciar os comerciantes da importancia das estratexias da atención ao público para mellorar o comercio; facilitarlles os instrumentos para mellorar as actitudes lingüísticas e comunicativas e mellorar a calidade na atención ao público nos comercios de Carballo, así como incrementar o uso do galego nestas situacións.

O curso vaise celebrar entre o 8 e o 24 de novembro e está dirixido a todas as persoas que no seu labor diario atenden ao público nas empresas de Carballo e a aquelas que buscan traballo no ámbito comercial. O prazo de inscrición no curso remata o 28 de outubro.

Ponte coa lingua

O Servizo de normalización lingüística acaba de editar o número 4 do seu boletín bimensual Ponte coa lingua correspondente aos meses de setembro e outubro. Na publicación hai un espazo dedicado á campaña Incrementa o teu interese e aos dous obradoiros que van realizar. Tamén se fai referencia á nova ubicación da Dirección xeral de Política lingüística no novo organigrama da Xunta de Galicia, e remata cunha reseña a un libro sobre lexislación e dereitos lingüísticos: Estatuto xurídico da lingua galega de Xavier Ferreira, Alba Nogueira, Anxo Tato e Luís Villares.

Novas relacionadas:

Compartir: