Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cursadas tres denuncias durante o dispositivo de...

COMEZOU A CAMPAÑA CONTRA O USO DE TELÉFONOS MÓBILES

Cursadas tres denuncias durante o dispositivo de seguridade viaria da fin de semana

Luns 12 de novembro do 2007

Entre a 1.00h e as 2.00h realizáronse controis de documentación a vinte e catro vehículos en distintos puntos do municipio. Formalizáronse dúas denuncias a senllos condutores, nun caso por circulación en ausencia de seguro e, no outro, por non ter superada a ITV.

Entre as 3.00h e as 3.45h efectuáronse diversas identificacións aleatorias na Rúa da Estrela, sen que se producisen maiores incidencias. Contra as cinco da mañá, en troques, cursouse denuncia contra un vehículo por un delito contra a seguridade do tráfico, xa que o seu condutor deu positivo no control de alcoholemia e circulaba sen o permiso de condución, que xa lle fora intervido anteriormente.

Ademais, dende primeiros de mes está a desenvolverse unha campaña de sensibilización contra o uso de teléfonos móbiles durante a condución. Esta campaña, que desenvolve o Concello de Carballo en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, manterase durante os meses de novembro e decembro.

Os controis de circulación manteranse tamén durante as fins de semana sucesivas, nun intento por garantir a seguridade viaria e por reducir ao mínimo o risco de accidentes asociados á fin de semana. Posto que Carballo é punto neurálxico de desprazamentos nocturnos, desde instancias municipais continuarán a desenvolverse actuacións especiais que dean conta desta prioridade.

Compartir: