BAILE, CONCERTOS E UNHA SESIÓN DJ PARA A NOITE DO VENRES
As músicas galega e uruguaia volven irmandarse no II Festival Dúas Veiras
Martes 20 de novembro do 2007
O evento, que constitúe un novo capítulo de 'Novembro con Música', dará comezo ás 21.00h e será de entrada gratuíta. O espectáculo musical combinará actuacións extraídas de ambos os repertorios tradicionais, reflectindo que a relación entre os dous países ten status de irmandade. O grupo tradicional Carcaxía de Malpica abrirá o programa cunha actuación titulada Tradicións de Galiza, seguida da sesión performance.uy de dj Federato.
A continuación, Diego Berardi interpretará O son de Uruguay e a Asociación de Uruguaios 25 de agosto da Coruña dará un espectáculo de baile tradicional chamado Raíces charrúas. Mediomundo comparecerá presentando o seu Tangoshow e, por último, a Comparsa lubola da Coruña dará un concerto de candombe, xénero musical con base nos ritmos africanos que ten unha importante tradición en Uruguai.