FESTIVAL DÚAS VEIRAS, CORAIS E "A VOZ MAQUILLADA"
Fin de semana musical con tres citas moi diversas
Venres 23 de novembro do 2007
Hoxe venres a partir das 21.00h regresa o Festival Dúas Veiras, Músicas de Galiza e Uruguai, que organizan a Asociación Casa del Uruguay El Ceibo e mais o Concello de Carballo. Esta segunda edición do festival volverá alternar actuacións musicais propias das tradicións galega e uruguaia, esta vez mesturadas con achegas máis modernas e diversas.
De par do canto e o baile de raíces de Carcaxía, a Asociación de Uruguayos 25 de agosto e Diego Berardi, haberá tamén tangos con Mediomundo, candombe coa Comparsa lubola da Coruña e mesmo unha sesión electrónica a cargo de dj Federato.
Os afeccionados ao canto teñen o sábado unha nova cita na celebración da Patroa dos músicos. O concerto de Santa Cecilia 2007, que comezará ás 21.00 horas, contará coa presenza do Coro de Oleiros, a Coral Ecos de Chamorro de Serantes (Ferrol) e mais a Coral Polifónica de Bergantiños, organizadora do evento.
Finalmente, no serán do domingo celebrarase o concerto-recital "A voz maquillada", que interpretarán a poeta Estíbaliz Espinosa e os músicos Rupert Twain e Quique Alvarado. Este é un dos eventos cos que o Concello de Carballo quere conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O Centro de Información á Muller colabora na organización deste evento, que dará comezo ás 19.00 horas.