Técnicos e ciclistas ofreceron charlas formativas aos rapaces
O Karpin Galicia leva o ciclismo ás aulas de primaria e secundaria de Carballo
Mércores 28 de novembro do 2007
O obxectivo destas xornadas é fomentar a práctica do ciclismo, e do deporte en xeral, entre os nenos e nenas da comarca de Bergantiños. Un grupo de integrantes do equipo vigués, entre eles o seu máximo responsable, o ex cicilsta galego Álvaro Pino, explicaron nas ateigadas aulas as avantaxes da práctica deportiva para poder desfrutar dunha vida saudable.
As charlas tiveron lugar no CEIP Bergantiños, no CEIP Fogar, no CEIP Nétoma-Razo e no Pazo da Cultura. Nesta última sede reuníronse rapaces e rapazas do CEIP A Cristina, San Luis Romero e Gándara-Sofán. Os menores do Colexio Artai tamén recibiron onte a visita dos ídolos ciclistas así coma os centros de secundaria IES Parga Pondal e IES Alfredo Brañas.
O concelleiro de Deportes de Carballo, Marcos Trigo, expresou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo a iniciativa de achegar o ciclismo ás aulas a través dun equipo ciclista profesional galego e non descarta que poida medrar a afección a este deporte na vila.
O Karpin Galicia alternará sesións de ximnasio e piscina coa circulación en bicicleta de montaña polas rúas do concello durante a súa estadía en Carballo.