ACORDOS DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL
O Concello asinará un convenio para desenvolver novas actuacións de dinamización da sociedade da información
Mércores 28 de novembro do 2007
O devandito convenio, que asinarán proximamente en Santiago de Compostela Xosé Luis Villasante Carrera, xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e Evencio Ferrero Rodríguez, alcalde do Concello de Carballo, establece os termos e condicións que rexerán a colaboración entre estas dúas partes coa finalidade de conseguir que os cidadáns e cidadás experimenten de forma efectiva e sensible os beneficios das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
No marco deste convenio, que terá unha duración máxima e prorrogable dun ano a contar desde a súa sinatura, o Concello de Carballo comprométese, entre outras actuacións, a por a disposición da Rede de Dinamización unha aula informática de acceso público que conte co equipamento necesario para o desenvolvemento das actividades. A Fundación, pola súa banda, asumirá, entre outras actuacións, a formación de equipos de traballo cun programa de actuacións propio que permita dispoñer de un ou varios/as dinamizadores/as para desenvolver as tarefas de dinamización e difusión da Sociedade da Información.Proxecto de obras de accesibilidadeNo trancurso da mesma sesión, a Xunta de Goberno Local deu conta tamén dun convenio de colaboración entre o Concello de Carballo, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) e a fundación ONCE para a Cooperación e Integración Social de Persoas con Discapacidade para a realización dun proxecto de obras de accesibilidade.
O presuposto deste proxecto ascende á cantidade de 42.351,61 euros, cantidade que acherarán as seguintes entidades: FEDER (29.646,13 euros), IMSERSO (5.082,19 euros), Fundación ONCE (2.964,61 euros) e mailo Concello de Carballo (4.658,68 euros).
A Xunta de Goberno Local acordou tamén a aprobación da prórroga do convenio de colaboración con data do 26 de xullo de 2004 suscrito polo Concello de Carballo coa Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación da Coruña e co Consello Superior de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de España para a implantación do programa 'Servizo de proximidade para a pequena empresa'.