VIVENDA E SOLO ANUNCIA UNHA INVERSIÓN DE 10 MILLÓNS PARA ESTA ACTUACIÓN
luz verde para as obras de ampliación do Parque Empresarial de Carballo
Mércores 5 de decembro do 2007
A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, iniciará "de xeito inmediato" as obras de urbanización na primeira ampliación do Parque Empresarial de Carballo nun total de 460.000 metros cadrados, segundo informou onte a propia Consellería nun comunicado de prensa.
Desta superficie, 120.000 metros cadrados foron adquiridos por Xestur-Coruña, -empresa pública adscrita á Consellería-, por compravenda, e o resto da superficie procede dunha permuta de chan bruto por solo urbanizable entre o Departamento autonómico e 19 empresas que son propietarias de terreos no ámbito de actuación que alberga esta ampliación.
O departamento que dirixe Teresa Táboas engade que foi no día de onte cando as 19 sociedades propietarias de parcelas na primeira fase de ampliación do Parque Empresarial de Carballo, que contan con proxecto empresarial para implantar, puxeron a disposición da Consellería os poderes notariais para excluír da expropiación unha superficie total de 343.742 m2. Como contrapartida, as empresas recibirán un total de 170.000 metros cadrados de solo urbanizado, contribuíndo tamén aos custes de urbanización.
Este "procedemento singular" da Consellería de Vivenda e Solo foi posto en marcha de xeito excepcional para a ampliación do Parque Empresarial de Carballo. Fontes oficiais aclaran que esto se fixo así "coa única intención de posibilitar a implantación empresarial inmediata". Non obstante, precisan que "este procedemento demorou o inicio das obras de urbanización", que xa están adxudicadas por Vivenda e Solo desde o pasado 24 de xullo á empresa CRC por 10 millóns de euros.
Para recuperar esta demora inicial, Vivenda e Solo permitirá ás empresas simultanear as obras de construcción das naves nas parcelas que terán adxudicadas ao mesmo tempo que se levan a cabo as obras de urbanización. Deste xeito, preténdese facilitar que a empresa teña construída a súa parcela para poder iniciar a actividade económica ao mesmo tempo que se finaliza a urbanización da primeira ampliación, acurtando así substancialmente os prazos de inicio da actividade empresarial.
En canto ao resto do terreo, ata completar os 718.500 metros cadrados de superficie da primeira fase, serán adquiridos por expropiación aos propietarios que non se sumaron ao proceso de adquisición por compravenda ou que non tiñan un proxecto empresarial que xustificase a súa exclusión do proceso de expropiación.