Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello estrea alumeado e presenta un Nadal...

A PROGRAMACIÓN CULTURAL COMENZA O DÍA 12 COA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA 'HAI VIDA NA COSTA DA MORTE'

O Concello estrea alumeado e presenta un Nadal Cultural repleto de actividades

Venres 7 de decembro do 2007

Ademáis de Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, participaron na rolda de prensa o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín; o de Obras e Servizos, Lois María Lamas Álvarez e o presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), José Filgueiras, que expresou o seu desexo de que "as datas do Nadal sexan exitosas para o comercio". Neste sentido, tanto o alcalde de Carballo como o titular de Promoción Económica coincidiron en destacar a capacidade de atracción para novos visitantes que pode deparar o novo alumeado, ademais da lóxica satisfacción para os residentes da cidade bergantiñá.

Evencio Ferrero agarda que, como resultado dos esforzos do Goberno local, "Carballo se afiance como un punto de encontro e referencia da comarca". Tamén demandou a colaboración futura de Axober para continuar aunando esforzos que redunden no beneficio común. García Guillín, pola súa banda, explicou que o venres se inaugurou "a primeira fase do novo alumeado", que afecta sobre todo ás rúas máis céntricas e comercias. En concreto, funciona xa nas rúas Vázquez Parga, Fomento, Coruña, Hórreo, Cervantes, Colón e na praza do Concello. O concelleiro de Promoción Económica subliñou tamén que "a iluminación é moderna, acolledora e ecolóxica", xa que é de baixo consumo.

O concelleiro de Obras e Servizos, pola súa banda, aproveitou a comparecencia ante a prensa para anunciar varias novas relacionadas co seu departamento. Por unha banda, o remate da instalación de farolas na Gran Vía; e por outra, a finalización das obras na rotonda da rúa do Sol. "Só falta o informe técnico da Consellería de Industria", aclarou.

Un nadal cheo de cultura
A concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, pola súa banda, presentou o programa do Nadal Cultural de 2007. Os actos extenderanse desde o vindeiro martes día 11 de decembro ata o luns 7 de xaneiro do ano 2008. Desde os máis pequenos ata os maiores atoparán, seguramente, ofertas de ocio atractivas entre as múltiples actividades organizadas entre o Concello e as asociacións culturais de Carballo.

A oferta inclúe exposicións fotográficas, diversos concertos, teatro, diferentes ciclos de cine, proxección de documentais, xornadas formativas, obradoiros, e todas as habituais celebracións propias do Nadal (visita de Papá Noel, festa de fin de ano, cabalgata de reis pola vila e varias parroquias e un sinfín de actividades máis).

Destaca, entre o nutrida oferta lúdica, unha nova edición -esta será a cuarta- do 'Nadal Pequespectacular', que ao longo de catro xornadas volverá a deleitar a nenos e maiores cunha variada oferta cultural. O Concello de Carballo informa de que este será o único acto do Nadal Cultural para o que haberá que aboar entrada. O precio das mesmas -para adultos- será de 2,5 euros para cada un dos días 26, 27 e 28 de decembro; e de 3,5 euros para o día 28. Pero un bono para as catro xornadas custará soamente 8 euros. Por outra banda, os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné terán descontos do 50% no precio das entradas. A reserva ou compra de localidades deberá realizarse no Pazo da Cultura, onde tamén terá lugar este espectáculo.

Ademais disto, seguirá aberta a pista de xeo, que está a ter unha gran afluencia de público. Belén Lendoiro rematou a súa intervención anunciando que o Concello de Carballo felicitará estas festas de Nadal a través da postal gañadora do concurso convocado entre todos os colexios da comarca e no que participaron 800 nenos. A ilustración gañadora foi a elaborada por Sergio Caamaño, de 5 anos, que cursa estudos no E.E.I. Taboada-Entrecruces.

As persoas que estén interesadas en coñecer máis en detalle a programación do Nadal Cultural 2007 poden facelo descargando o pdf que se adxunta nesta noticia.

Compartir: