"OS DATOS DEMOSTRAN QUE AS MEDIDAS QUE ESTAMOS A APLICAR SON EFICACES", ASEGURA BENEDITO COSTA, CONCELLEIRO DE RÉXIME INTERIOR
Carballo consolida a tendencia á baixa da delincuencia cun 23% menos de delitos que no 2006
Mércores 12 de decembro do 2007
A seguridade cidadá segue a fortalecerse en Carballo. Ao menos eso indican todos os datos postos sobre a mesa no mediodía de hoxe durante a Xunta Local de Seguridade do Concello de Carballo. O aspecto máis salientable é a diminución do número de delitos no municipio entre xaneiro e novembro do presente ano nun 22,82% con respecto ao mesmo periodo de 2006, o que se traduce nunha baixada de 547 a 422. Estes datos reforzan a tendencia positiva que comezou a apreciarse hai exactamente un ano. Entón, tamén se anunciara unha forte diminución dos delitos (de 847 a 586) e unha caída porcentual de case o 31%.
"Os datos demostran que as medidas que estamos a aplicar son eficaces", asegurou o concelleiro de Persoal, Réxime Interior, Policía, Tráfico e Praias, Benedito Viña. "Debemos seguir traballando na liña actual de coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil para que o índice de delincuencia continúe baixando en Carballo", engadiu Viña Costa, quen recordou que se rexistraron baixadas nos catro tipos de delitos tipificados pola Garda Civil para realizar este tipo de balances.
Os cometidos contra o patrimonio reducíronse un 30,43%, pasando de 414 nos once primeiros meses de 2006 a 288 no que vai de ano. Tamén baixou o número de faltas, pasando de 534 a 489 (un 8,60% menos). Por último, as faltas contra o patrimonio sufriron un retroceso do 13,52%. En concreto, recurtáronse desde as 392 contabilizadas entre xaneiro e novembro do 2006 ata as 339 cometidas no presente ano.
Pero a boa nova que supón para a cidadanía carballesa este reforzo na seguridade vese complementada ademais por outros dous datos positivos. Os responsables da Garda Civil que participaron na Xunta Local de Seguridade adiantaron dous datos que non puideron precisar porque aínda non están pechados, pero que son igualmente destacables. Referíronse a un descenso apreciable no número de vítimas mortais en sinistros nas estradas e a unha boa evolución das infraccións de tráfico.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, celebrou as boas novas e califocou os datos aportados pola Garda Civil como "moi satisfactorios". Esta opinión foi compartida por todos os participantes na Xunta de Seguridade, que valoraron de xeito positivo a evolución dos datos.
Cuartel da Garda Civil
O Goberno local aproveitou tamén a xuntanza para insistir ante o subdelegado do Goberno, José Manuel Pose Mesura, na súa petición de que a Casa Cuartel da Garda Civil de Carballo cambie de ubicación desde a actual na Gran Vía ata outra no polígono 19. Esta demanda non é nova e distintos representantes das autoridades competentes na materia xa visitaron a parcela na que previsiblemente se construirá no futuro o novo cuartel.
Ademais do alcalde de Carballo e do subdelegado do Goberno asistiron á xuntanza -que principiou ás 12.00 e rematou pasadas as 14.00 horas- as seguintes personalidades: a delegada provincial da Consellería de Presidencia (Aurora Moinelo), o concelleiro de Policía e Seguridade de Carballo (Benedicto Viña), o sarxento xefe da Policía Local (Constantino Vázquez), o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña (José Furelos), o capitán da 5ª Compañía da Garda Civil (Francisco Vidal), o tenente da Agrupación da Garda Civil de Tráfico (Jesús Del Río Caamaño), o tenente da Garda Civil de Carballo (Manuel Pérez), o xefe provincial de Tráfico (José Pastor) e o responsable de Protección Civil de Carballo (Francisco Javier Souto).