ADEMAIS DAS OBRAS PROXECTADAS E CASE REMATADAS, A XUNTA LIMPARÁ OS FONFOS E MELLORARÁ OS ESPAZOS PARA OS BARCOS
Portos de Galicia comprométese a aumentar a inversión na infraestructura portuaria de Razo
Xoves 13 de decembro do 2007
Os traballos, que se iniciaron no pasado verán e están xa a piques de rematar, abranguen oito reforzamentos con formigón nas zonas máis batidas polo mar do peirao, cuxa estructura estaba debilitada. Cinco dos mesmos están xa rematados e os tres restantes non puideron ser aínda executados polas malas condicións do mar. As obras incluiron tamén un reforzo na escolleira do dique e unha suavización da pendente na estrada que da acceso ao porto que dificultaba a entrada de vehículos de grandes dimensións coma autobuses. O presuposto para acometer todas estas melloras ascendeu a uns 200.000 euros.
Durante a visita de Evencio Ferrero e Jacinto Parga a Razo, varios usuarios do porto carballés aproveitaron a ocasión para intercambiar opinións respecto ás obras co representante da Xunta nun ambiente que foi distendido en todo momento. Como froito da visita do presidente de Portos, o alcalde de Carballo conseguiu o compromiso da Administración autonómica de darlle continuidade ás actuais obras con outras actuacións que se acometerán a partir do vindeiro verán.
Neste sentido, Parga comprometeuse a que o organismo que preside asuma a limpeza dos fondos marinos adxacentes ao porto e tamén a mellora dos espazos destinados ás embarcacións, previa elaboración do correspondente proxecto que habilite as novas actuacións.
O alcalde, Evencio Ferrero, amosouse moi satisfeito polo resultado da visita de Jacinto Parga e celebrou que o porto de Razo esté a recibir inversións da Xunta de Galicia despois de anos de esquecemento. Tamén se mostrou esperanzado en que esta política inversora actual por parte da Administración galega para o mantemento e melloras da infraestructura portuaria carballesa poidan ter continuidade no futuro.
A finalización das obras xa iniciadas e das novas dependerá moito dos traballos que permita facer o mar, especialmente bravo en Razo, en plena Costa da Morte.