Inicio Carballo ao día Hemeroteca Afigal achega os seus avais ás empresas da...

SERÁ POSIBLE GRACIAS AO CONVENIO SUSCRITO ENTRE O CONCELLO DE CARBALLO, A CÁMARA DE COMERCIO DA CORUÑA E AFIGAL

Afigal achega os seus avais ás empresas da Costa da Morte

Venres 21 de decembro do 2007

O convenio foi suscrito hoxe polo alcalde, Evencio Ferrero; o vicepresidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro e o director xeral de Afigal, Manuel Alonso. Tamén estivo presente na sinatura o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín.

As organizacións promotoras desta iniciativa pretenden, a través da mesma, incrementar as facilidades de financiamento dos empresarios/as e emprendedores/as que apostan polo desenvolvemento das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, según precisou hoxe García Guillín.

Así, os empresarios da Costa da Morte non so contarán coa información dos técnicos da Antena Cameral de Carballo, senón que ademais terán á súa disposición a un profesional especializado en asesoramente financieiro que Afigal destinará ao Viveiro de Empresas do polígono de Bertoa.

O obxectivo do acordo é conseguir elevar o número de pemes que poidan acceder aos servizos de Afigal e incrementar a cantidade e o valor das operacións financieras avaladas nas comarcas anteriormente mencionadas.

Na actualidade, Afigal conta xa "con máis de 2.200 socios partícipes entre o empresariado da Costa da Morte", cifra que representa o 32% dos seus asociados totais na provincia da Coruña, según datos aportados pola sociedade de garantía recíproca.

Afigal engade que dos 2.200 socios, preto de 2.000 desfrutan xa das garantías financieiras que lles ofrece a institución para poder acceder a un financiamento preferente nos bancos e caixas de aforros. "Gracias a este respaldo, están vixentes operacións financieiras por un importe de 26,4 millóns de euros na actualidade", precisan fontes de Afigal.

O Concello de Carballo, a Cámara de Comercio da Coruña e Afigal esperan que estas cifras poidan mellorarse tras o acordo.

Compartir: