A ACTUACIÓN CONTA CUN ORZAMENTO DE 10 MILLÓNS DE EUROS E REALIZARASE SOBRE UNHA SUPERFICIE DE 718.500 METROS CADRADOS
As obras de ampliación do Parque Empresarial de Carballo comezarán o mércores día 26
Sábado 22 de decembro do 2007
O alcalde de Carballo, o nacionalista Evencio Ferrero, amosou a súa satisfacción por que as obras para o ambicioso proxecto de ampliación do Parque Empresarial teñan data de inicio. Esta será o mércores día 26 de decembro a primeira obra da mañá. CRC é a empresa á que a Consellería de Vivenda lle adxudicou as obras por un importe de 10 millóns de euros. O prazo de execución é de 18 meses, aínda que a Alcaldía espera que non se cheguen a esgotar os tempos.
Aínda que a primeira fase das obras comprende unha superficie total de 718.500 metros cadrados, a Consellería de Vivenda e Solo aclarou -nunha nota de prensa remitida hai un par de semanas- que as obras que comezarán despois do Nadal acometeranse nos 460.000 metros cadrados "xa dispoñibles".
O departamento que dirixe a nacionalista Teresa Táboas aclarou que -desta superficie- 120.000 metros foron adquiridos por compravenda (a través de Xestur-Coruña), mentres que o resto do terreo procede de 19 empresas que tiñan parcelas nese ámbito e que quedan excluídas da expropiación "porque teñen un proxecto económico para desenvolver".
Como contrapartida, as empresas recibirán un total de 170.000 metros cadrados de solo urbanizado, contribuíndo tamén aos custes de urbanización. En canto ao resto do terreo, ata completar os 718.500 metros cadrados de superficie da primeira fase, serán adquiridos por expropiación.
Este "procedemento singular" -asegura a Consellería de Vivenda e Solo- foi posto en marcha de xeito excepcional para a ampliación do Parque Empresarial de Carballo. Neste caso, fíxose así "coa única intención de posibilitar a implantación empresarial inmediata". Non obstante, a Xunta precisa que "este procedemento demorou o inicio das obras de urbanización", que xa están adxudicadas desde o pasado 24 de xullo á empresa CRC.
Para recuperar esta demora inicial, Vivenda e Solo permitirá ás empresas simultanear as obras de construcción das naves nas parcelas que terán adxudicadas ao mesmo tempo que se levan a cabo as obras de urbanización. Deste xeito, preténdese facilitar que a empresa teña construída a súa parcela para poder iniciar a actividade económica ao mesmo tempo que se finaliza a urbanización da primeira ampliación, acurtando así substancialmente os prazos de inicio da actividade empresarial.