Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 300 persoas participan no Programa...

A INICIATIVA PARTE DAS CONCELLERÍAS DE TERCEIRA IDADE E DEPORTES E ESTÁ A TER UN GRAN ÉXITO TANTO NO ÁMBITO URBANO COMA NO RURAL

Máis de 300 persoas participan no Programa de Exercicio Físico para Maiores do Concello

Venres 28 de decembro do 2007

A iniciativa desenvólvese tanto no ámbito urbano coma no rural en base a un programa deseñado polo Técnico Deportivo do Concello de Carballo. Ao éxito desta actividade contribúe tamén a ampla oferta de sedes e a flexibilidade nos horarios, xa que os usuarios e usuarias poden elexir entre distintos días e horas para mellorar a súa condición física baixo a tutela municipal.

Neste sentido, as sesións desenvólvense ata en tres lugares distintos no casco urbano (Pavillón Zona Escolar, Pazo da Cultura e Residencia da Praza de Vigo); así como nas parroquias de Cances, Berdillo, Rus, Baldaio, Razo e Noicela.

O obxectivo primordial do programa é manter ou mellorar a calidade de vida da poboación maior mediante a actividade física moderada e a adopción de estilos de vida activos e saudables. Dadas as características do alumnado ponse énfase na selección das actividades e na cualificación do profesorado.

Así, preténdese manter un nivel suficiente de capacidade funcional xeral, mellorar a saúde reducindo o risco de desenvolver ou recaer en determinadas doenzas (cardiovasculares e oseoarticulares) e tamén mellorar a seguridade ao practicar exercicio.

As actividades que realizan os maiores son exercicio aeróbico, acondicionamento muscular, traballos de flexibilidade. Todos os exercicios son de baixo impacto oseoarticular e de intensidade baixa ou media.

A concelleira de Terceira Idade, Lourdes Rey, destacou a importancia de "achegar a actividade a todas as parroquias do Concello onde sexa posible e facer de Carballo un municipio saudable".

Pola súa parte, Marcos Trigo, concelleiro de Deportes, subliñou que "desde o Concello estase a traballar en programas de actividade física saudable non só enfocados para os maiores, senón para toda a poboación".

Compartir: