Inicio Carballo ao día Hemeroteca A campaña de seguridade de Nadal do...

AS MEDIDAS DE PREVENCIÓN E VIXIANCIA QUE A CONCELLERÍA DE XESTIÓN MUNICIPAL DESENVOLVE DESDE O 22 DE DECEMBRO REMATAN O DÍA 5

A campaña de seguridade de Nadal do Concello está a ter un resultado positivo

Mércores 2 de xaneiro do 2008

A campaña abrangue tres ámbitos de actuación: a seguridade cidadá, a comercial e a viaria. No referente ao primeiro capítulo, as medidas de prevención e vixiancia estanse a levar a cabo gracias ao incremento dos efectivos da Policia Local en cada quenda de traballo nos días festivos e nas noites das súas vésperas. A finalidade deste maior despregue de forzas é disuadir aos delincuentes nunhas datas que rexistran maior tránsito de peóns polas rúas e un aumento significativo nas compras.

En canto ao reforzamento da seguridade comercial, efectivos da Policía Local están a visitar distintos establementos para facilitarlles aos seus propietarios unha listaxe de recomendacións de cara a previr posibles roubos. Asimesmo, o aumento da presenza policial nas rúas máis concurridas e comerciais contribúe de igual xeito a este fin.

Desde a Concellería de Xestión Municipal tamén se lles está a facilitar aos comerciantes carballeses unna relación dos teléfonos de maior interese por si se producira calquera situación de emerxencia. Por último, estase a recoller información a través dun cuestionario para averiguar posibles defectos nas medidas de seguridade que cada establecemento comercial leva a cabo.

A Concellería de Xestión Municipal presta especial atención ás zonas de máis afluencia de público e a aquelas rúas ou estradas que concentran unha maior circulación de vehículos. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria para evitar atropelos. Neste sentido, axentes da Policía Local están a regular o tráfico en puntos estratéxicos para que a circulación sexa máis fluida e os pasos de peóns lugares máis seguros.

Benedito Costa, concelleiro de Xestión Muncipal, aclara que a campaña de seguridade do Nadal 2007 está a resultar un éxito debido á ausencia de incidencias destacables. Tamén explica que unha vez que remate este operativo de vixiancia e prevención avaliarase a efectividade do mesmo para saber se de cara ao futuro é necesario a súa intensificación ou modificar nalgún aspecto a estratexia.

Compartir: